Pasar al contenido principal

O Campus Terra da USC abre a inscrición para un curso sobre a ferramenta antiplaxio Turnitin que terá lugar o 22 e 23 de maio

Cartaz do curso
Cartaz do curso
O formulario para solicitar praza debe enviarse entre o 23 de abril e o 6 de maio ao enderezo de correo electrónico margarita.vilela@usc.es

A aula e-Terra, situada na Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC, acollerá os días 22 e 23 de maio a actividade formativa ‘Uso da ferramenta antiplaxio Turnitin’, un curso destinado a profesorado da USC nos centros do campus de Lugo que dirixa teses de doutoramento, así como traballos de fin de grao e/ou mestrado, e que posúa a licenza para o manexo desta ferramenta informática. O obxectivo deste programa formativo é o de favorecer a toma de conciencia sobre problema ético e metodolóxico que supón o plaxio, ademais de promover a aprendizaxe e o manexo do software Turnitin, co que é posible revisar documentos na procura de contidos non orixinais.

As persoas interesadas en participar no curso deberán enviar debidamente cumprimentado o formulario accesible na web do Campus Terra da USC ao enderezo de correo electrónico margarita.vilela [at] usc.es (margarita[dot]vilela[at]usc[dot]es). A solicitude de inscrición é totalmente gratuíta e o prazo para formalizala permanecerá aberto desde o 23 de abril ata o 6 de maio. Esta actividade formativa, recoñecida polo Programa de Formación e Innovación Docente da USC, consta de 15 prazas, que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. En todo caso, de existir unha demanda máis elevada, o Campus Terra da USC valorará a posibilidade de realizar novas edicións deste curso, que será impartido por José Raúl Canay Pazos, profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC.

O programa da acción formativa ‘Uso da ferramenta antiplaxio Turnitin’ pretende dar resposta a cuestións tales como que é o plaxio, a partir da identificación das súas causas, así como de procedementos de detección e prevención. O curso permitirá ensinar ás persoas participantes como se xestiona a conta deste software, ademais de afondar noutros contidos ao longo das 12 horas, seis das cales realizaranse a través do campus virtual, mentres que as outras seis serán presenciais.

Dende marzo de 2018, a USC posúe 2.000 licenzas da ferramenta antiplaxio Turnitin, das cales 340 pertencen a docentes do Campus Terra. Estas licenzas son repartidas polos propios centros entre o seu profesorado co obxectivo de que cada profesor/a que dirixa teses de doutoramento, así como traballos de fin de grao e/ou mestrado, dispoña dunha licenza de instrutor/a que lle permita detectar traballos potencialmente fraudulentos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.04.2018.