Veterinaria analiza a acumulación de residuos químicos e de fármacos en carne da República Dominicana
A acumulación de residuos químicos, así como de fármacos que presente o vacún de carne sacrificado nos matadoiros da República Dominicana presenta uns niveis de substancias contaminantes que non superan aos parámetros máximos permitidos pola lexislación, segundo se desprende dos resultados da tese de doutoramento presentada na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC por Jaime Rafael Santoni baixo o título ‘Contribución ao estudo de acumulación de diversos residuos químicos e de medicamentos veterinarios en gando vacún da República Dominicana’.
Os resultados obtidos nesta tese de doutoramento, dirixida polos catedráticos da USC José Luis Benedito Castelleto e Carlos Manuel Franco Abuín, apuntan a que a carne de vacún comercializada nos matadoiros da República Dominica responden a parámetros normais en canto á presenza e acumulación de substancias contaminantes, polo que, segundo se deriva da investigación, cómpre descartar que este produto alimentario constitúa risco algún para a saúde pública.
Alén desta consideración xeral, a investigación desenvolvida por Jaime Rafael Santoni, unha liña de traballo centrada na detección de contaminantes e no estudo da súa acumulación nas canais de vacún de carne da República Dominicana, serviu para detectar algúns casos positivos a substancias antiparasitarias, así como a metais pesados como contaminantes entre as preto de 800 mostras (músculos, riles...) sometidas a análise, aínda que con porcentaxes moi baixas.
Os resultados obtidos nesta investigación apuntan que a carne de vacún criado e comercializado en República Dominicana presenta uns parámetros acaídos e equiparables a outros países no eido da seguridade alimentaria en canto a presenza de contaminantes se refire, segundo conclúe Rafael Santoni, que centrou as súas pescudas na detección de residuos de fármacos.
Tribunal internacional
O tribunal encargado de avaliar a investigación de doutoramento presentada de xeito telemático por Jaime Rafael Santoni estivo formado por un comité internacional presidido polo profesor de Nutrición da Facultade de Medicina da Universidade de Valladolid, Emiliano Quinto. O investigador panameño doutorado na USC Armando Durant Archibold e a profesora na Facultade de Veterinaria da USC Rosario Panadero Fontán completaron formación do tribunal.