Pasar al contenido principal

Victoria Lareu recolleu o galardón María Josefa Wonenburguer

De esquerda a dereita, María Jesús Lorenzana, Victoria Lareu e Alberto Núñez Feijóo. FOTO: Xunta
De esquerda a dereita, María Jesús Lorenzana, Victoria Lareu e Alberto Núñez Feijóo. FOTO: Xunta
Con este premio o goberno autonómico recoñece a traxectoria de mulleres galegas que destacan pola súa contribución á área das ciencias e á tecnoloxía
Santiago de Compostela

A catedrática de Medicina Legal e Forense e directora do Instituto de Ciencias Forenses (Incifor) da USC, Victoria Lareu Huidobro, recolleu este martes o premio María Josefa Wonenburguer deste ano, de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Con este premio, o goberno autonómico recoñece a traxectoria de mulleres galegas, que destacan pola súa contribución á área das ciencias e á tecnoloxía. O acto ao que asistiu o reitor da USC, Antonio López, tamén contou coa presenza do catedrático Ángel Carracedo e da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

Victoria Lareu formouse na USC e en centros estranxeiros de prestixio en materia de medicina forense como o Instituto de Medicina Legal de Coímbra en Portugal, ou nos centros Haematology Departmen London, Hospital Medical College de Londres e no Forensic Science Service de Birmingham.

Na actualidade, a premiada compaxina o traballo de laboratorio dentro do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro coa actividade docente na Facultade de Medicina e Odontoloxía. Este servizo recibiu encargos, entre outros moitos, para axudar á identificación das vítimas dos atentados do 11-S e do 11-M, análise de restos históricos de Atapuerca ou da Guerra Civil, do tsunami do Océano Índico, ou das nenas asasinadas en Alcasser.

Lareu é especialista no campo da xenética forense, onde participou no deseño de ferramentas básicas en pericia de xenética forense hoxe de uso mundial. Na actualidade a súa actividade diríxese principalmente a campos pioneiros da investigación forense como a aplicación de tecnoloxías de secuenciación masiva de nova xeración ou o estudo de aplicación da marca epixenética do xenoma humano. A galardoada colabora ademais na análise de mostras biolóxicas en casos de criminalística, o que lle permitiu percibir a cruz con distintivo branco da Orde de Mérito da Garda Civil.

Pioneiras

O premio María Josefa Wonenburger distingue a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía e trata de facer chegar á sociedade as contribucións feitas por elas e que sirvan de exemplo a xeracións vindeiras. Este galardón outórgase anualmente dende o ano 2007 a través da Unidade de Muller e Ciencia e ao longo da súa traxectoria recoñeceu as figuras de Amparo Alonso Betanzos (2020), Mabel Loza García (2019), Alicia Estévez Toranzo (2018), Begoña Vila Costas (2017), Peregrina Quintela Estévez (2016), Isabel Aguirre de Úrcola (2015), Carmen García Mateo (2014), María José Alonso (2013), María Tarsy Carballas Fernández (2012), Ofelia Rey Castelao (2011), Carmen Navarro Fernández-Balbuena (2010), María S. Soengas González (2009), María Teresa Miras Portugal (2008) e Inmaculada Paz Andrade (2007).

O premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha autentica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e que foi unha científica adiantada ao seu tempo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.12.2021.