Óptica e Optometría celebra a súa festividade baixo o lema ‘formando e axudando’
A Facultade de Óptica e Optometría da USC celebrou este mércores o acto institucional co gallo da festividade da súa patroa Santa Otilia baixo o lema ‘formando e axudando’. A sesión presidida polo reitor Antonio López serviu para render tributo ás entidades que colaboran con este centro na atención a diferentes colectivos sociais con necesidades diversas xa que, tal e como subliñou a decana María Jesús Giráldez, é de crucial importancia unha “docencia en contornas diferentes ás da Facultade, prestando atención visual primaria a colectivos que a precisan”. Tamén tomaron parte no acto o presidente da delegación de Galicia do Colexio Nacional de Ópticos-Optometristas, Eduardo Eiroa, e Ígor Mella Núñez, membro do grupo de Investigación ESCULCA da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Tamén estivo presente no acto a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo.
O reitor comezou a súa intervención felicitando ao centro “polo seu magnífico traballo”. Antonio López detívose no labor asistencial que desenvolve Óptica e Optometría á hora de implicarse na atención das necesidades de diversos colectivos como é o caso das persoas con síndrome de Down ou algún trastorno do espectro autista, entre outros. Este rol, dixo o reitor, “une valores” ao fusionar a formación coa contribución social.
“Temos un plan de estudos que segue o modelo dos máis altos estándares de calidade”, destacou, pola súa parte, a decana no seu discurso para despois abordar como a USC ten unha Clínica de Optometría onde se desenvolven 2.154 horas de docencia clínica. Con todo, “neste afán de mellora das competencias dos nosos estudantes, os docentes temos que ser quen de aplicar metodoloxías docentes innovadoras”, sinalou facendo referencia á de Aprendizaxe-Servizo (ApS). “O alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna social, o que lle permite mellorar as competencias de determinadas disciplinas e ao mesmo tempo amplia a súa responsabilidade social”, explicou para logo sinalar a profesora Eva Yebra-Pimentel, coordinadora do Grupo Optometría Para a Integración (OPI), que ten como principal obxectivo mellorar a aprendizaxe no ámbito do coidado da saúde visual a un nivel de atención primaria, ao mesmo tempo que pon ao dispor da sociedade esta atención visual prestando un servizo concreto.
As verbas da decana serviron de marco para a homenaxe que a Facultade quixo render ás diferentes entidades coas que colaboran a través da execución de varios proxectos de ApS. En concreto, o acto recoñeceu as iniciativas ‘Atención optométrica a nenos/as en risco de exclusión social’ (en colaboración con Arela e o Espazo veciñal do Sar); ‘Atención optométrica a persoas maiores e con demencia tipo alzhéimer’ (en colaboración con Agadea e a Residencia Volta do castro); ‘Cribado visual pediátrico na contorna educativa’ (CEIP de Palmeira); e ‘ApS para atención optométrica a nenos/as con necesidades especiais: Down e autismo (Asociación Down, Fundación Pictoapliciones, Bata, e Aspanaes).