Pasar al contenido principal

Inaugurada a exposición ‘Construíndo a Historia da Educación en Galicia’

Exposición 'Construíndo a Historia da Educación en Galicia'
Exposición 'Construíndo a Historia da Educación en Galicia'
A mostra poderá ser visitada ata o 7 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte

Pór en valor o labor das educadoras e educadores que contribuíron a sentar en Galicia os alicerces para unha cidadanía máis crítica e participativa é o obxectivo dunha mostra inaugurada este mércores na Facultade de Ciencias da Educación da USC.

Elaborada polo estudantado do Grao de Mestra/e en Educación Primaria, coa colaboración do profesorado e de diferentes profesionais do eido social e educativo, a exposición ‘Construíndo a Historia da Educación en Galicia’, visita a traxectoria de figuras esenciais deste campo a través de revisións bibliográficas, análise de arquivos, entrevistas, e documentación audiovisual.

É resultado dun proxecto de homónimo de Aprendizaxe e Servizo nado catro anos atrás e enmarcado na materia de Teoría e Historia da Educación Escolar. Coordinado por Alexandre Sotelino e Patricia Alonso, o proxecto contribúe á difusión da repercusión das e dos profesionais da educación en Galicia no asentamento e consolidación dos novos procesos e contextos educativos.

O acto de inauguración contou coa presenza da vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo; do vicedecano de Estudantes e Cultura da Facultade de Ciencias da Educación, Martín Leranoz Iglesias; do coordinador do Grao, Alexandre Sotelino Losada; e da profesora do departamento de Pedagoxía e Didáctica, Patricia Alonso Ruido.

A mostra poderá ser visitada ata o 7 de febreiro de 2022 na Facultade de Ciencias da Educación no Campus Norte.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.12.2021.