Pasar al contenido principal

Farmacia reivindica o seu “papel fundamental durante a pandemia” no acto da festividade da súa patroa

De esquerda a dereita, María Paz García Martínez, José Miñones, Antonio López, Alberto Fuentes e Silvia María Reboredo García. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, María Paz García Martínez, José Miñones, Antonio López, Alberto Fuentes e Silvia María Reboredo García. FOTO: Santi Alvite
O reitor puxo o foco na futura Cidade da Saúde xa que “temos que converter unha idea acordada por todos nunha realidade”
Santiago de Compostela

A Facultade de Farmacia da USC celebrou este venres a festividade da Inmaculada, patroa do centro, cun acto institucional presidido polo reitor Antonio López. A sesión serviu para facer entrega da Insignia de ouro da Facultade aos trece profesores e profesoras xubiladas no pasado curso, así como dos diplomas á vintena de persoas que acadaron o grao de doutor/a no centro durante os anos académicos 2019-2020 e 2020-2021.

“O relevo xeracional é un dos grandes retos que temos por diante”, sinalou o reitor en referencia á concentración de xubilacións dos últimos anos. Antonio López aproveitou a súa intervención para poñer o foco na Cidade da Saúde que acollerá no futuro a Facultade de Farmacia, entre outros centros, e que aspira a converter a Galicia nun referente da docencia, da investigación e da colaboración institucional e público-privada no ámbito da saúde. “Temos que converter unha idea acordada por todos nunha realidade”, afirmou Antonio López en referencia a esta iniciativa que se concibe para dispor dun conxunto de dotacións suficientes para dar soporte material á docencia e a investigación de vangarda nesta área de coñecemento. Pola súa parte, o decano do centro, Francisco Otero Espinar, manifestou sentir esperanza ante o proxecto. “Estamos seguros de que tanto o goberno galego como o goberno central, vanse a implicar no proxecto apoiando e achegando financiamento para a construción do novo edificio, esencial para continuar as nosas actividades”, matizou no seu discurso ao que deu lectura a vicedecana María Paz García Martínez xa que Otero Espinar non puido asistir presencialmente ao acto.

O decano reivindicou os graos e mestrados que se imparten na Facultade, “únicos no noroeste do Estado español, e forman a farmacéuticos recoñecidos a nivel nacional e internacional”, dixo. “Da nosa Facultade saíron profesionais que tiveron e teñen un papel fundamental durante a pandemia, tanto ao nivel da farmacia comunitaria, de atención primaria, hospitalaria, industria, distribución, investigación, docencia ou en axencias regulatorias e gobernamentais”, manifestou Otero Espinar na súa intervención. “A nosa facultade achega formación, investigación e transferencia, e non dubida en dar un paso adiante cando a sociedade o necesita”, engadiu en referencia  á fabricación de xel sanitizante para o Servicio Galego de Saúde en estreita colaboración coa Escola Técnica Superior de Enxeñeira, “en momentos nos que existía verdadeira dificultade para adquirilo e mesmo para poder acceder os excipientes necesarios para fabricalo dada a súa escaseza, e para o que tivemos que botar man da nosa influencia internacional”, dixo.

Ademais do reitor e do decano, participaron no acto José Manuel Miñones Conde, delegado do Goberno; Silvia María Reboredo García, subdirectora xeral de Farmacia da Consellería de Sanidade; e Alberto Fuentes Losada, secretario Xeral Técnico da Consellería de Sanidade. No transcurso da sesión, Ángel Joaquín Concheiro Nine pronunciou o relatorio ‘Desenvolvemento farmacéutico e medicina de precisión: medicamentos personalizados’. A lectura da memoria académica correu a cargo de Matilde Casas Parada, secretaria da Facultade.

Entrega de premios

A sesión tamén serviu para facer entrega dos premios do VI Concurso de Ideas para Portada de Traballos de Fin de Grao da Facultade de Farmacia da USC, os cales foron parar a Darío Miranda Pastoriza (1º premio), Rubén Prieto Díaz (accésit) e Sandra Mariño Cortegoso (accésit).

Finalmente, o VI Concurso de Subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde, unha colaboración da Facultade de Farmacia co servicio de Normalización Lingüística da USC recoñeceu o traballo de Marta Garrido Novelle, Sandra Mariño Cortegoso e Candela Lafuente López.

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
A sesión serviu para facer entrega da Insignia de ouro da Facultade aos trece profesores e profesoras xubiladas no pasado curso. FOTO: Santi Alvite
A sesión serviu para facer entrega da Insignia de ouro da Facultade aos trece profesores e profesoras xubiladas no pasado curso. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.12.2021.