Dous proxectos acadan preto de 800.000 euros ao abeiro do Programa Ignicia
Os proxectos de investigación da USC TRAFFIKGENE ‘Novos vehículos peptídicos para aplicación en terapia xénica’ e ECOBONE ‘Implantes óseos avanzados mediante tecnoloxía supercrítica’ acaban de recibir preto de 800.000 euros de financiamento ao abeiro do Programa Ignicia da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). Este programa apoia aqueles proxectos que aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar e que permitan validar unha tecnoloxía en condicións reais ou contornas industriais.
TRAFFIKGENE
O investigador Javier Montenegro, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), coordina este proxecto centrado no desenvolvemento e síntese de novas moléculas para protexer e entregar ácidos nucleicos, como o ARN mensaxeiro (mARN), no lugar apropiado, de forma eficiente e non tóxica.
Javier Montenegro traballa con novos péptidos, pequenas proteínas que actúan como vehículos de transporte que trasladan o material xenético ao interior das células para que poidan cumprir a súa función. O proxecto desenvolvido no CiQUS prevé alcanzar aplicacións en diversas áreas da biotecnoloxía, desenvolvendo unha eficiente ferramenta de transporte de ácidos nucleicos para a nova xeración de vacinas baseadas en ARN e no emerxente campo da inmunoterapia do cancro. Este proxecto foi financiado cunha achega de 490.200 euros.
ECOBONE
Pola súa parte, Carlos A García González, profesor do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC é o responsable desta investigación que ten por obxecto a transferencia ao mercado duns implantes óseos sintéticos biodegradables, de biofuncionalidade avanzada e fabricados mediante a tecnoloxía do CO2 supercrítico, un método de procesamento único en canto a prestacións e respectuoso co medio ambiente. Esta tecnoloxía para medicina rexenerativa ten sido protexida con dúas solicitudes de patentes estendidas internacionalmente como resultado da investigación desenvolvida nos últimos sete anos na USC por Carlos García en estreita colaboración cos grupos I+D Farma e GIPA da USC.
Os materiais producidos mediante esta tecnoloxía darán resposta á crecente demanda de implantes óseos e a unha maior vida útil derivada do aumento da lonxevidade da poboación mundial en xeral e da galega en particular. Isto levarase a cabo mediante a incorporación de axentes bioactivos e a modulación da velocidade de degradación do produto a medida que o tecido do paciente se vai rexenerando. No proxecto ECOBONE levarase a cabo a validación técnica do produto, o escalado da produción e implementarase unha estratexia para a súa comercialización. Este proxecto foi financiado cunha achega de 290.000 euros.
Validar nova tecnoloxía
Con esta iniciativa, GAIN, en colaboración coa Fundación Barrié, busca validar nova tecnoloxía e elaborar os seus plans de negocio. Das 28 solicitudes presentadas este ano, sete contarán coa axuda autonómica, sendo a USC a institución que logrou captar un maior financiamento. Para presentarse a esta convocatoria, así como para xestionar e facer seguimentos dos proxectos, os grupos de investigación contan co apoio da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC.