Pasar al contenido principal

Presentados en Vilagarcía de Arousa os primeiros avances do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia

Neste primeira xeira do Plan Cuadrienal, enfocouse o traballo, alén de en Vilagarcía, nas fosas de Crecente e na análise dos restos que foran exhumados en 2018 en Aranga
Neste primeira xeira do Plan Cuadrienal, enfocouse o traballo, alén de en Vilagarcía, nas fosas de Crecente e na análise dos restos que foran exhumados en 2018 en Aranga
O informe que resume as actuacións desenvolvidas o pasado ano centradas “nos enterramentos irregulares que os golpistas de 1936 realizaron no cemiterio municipal”, sinala que poderían ser identificados tres dos 18 corpos susceptibles de atoparse na fosa
Santiago de Compostela

O persoal investigador que integra o Plan Cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia no que toma parte a USC deu conta este mércores dos traballos que nos meses de setembro a decembro se levaron a cabo no cemiterio municipal de Vilagarcía de Arousa. Os historiadores, arqueólogos, forense e xenetistas que conforman o proxecto visitaron o Concello para agradecer o apoio á escavación que se levou a cabo no recinto funerario e que se centrou “nos enterramentos irregulares que os golpistas de 1936 realizaron no cemiterio municipal”, tal e como sinalaron dende o grupo de investigación Histagra da USC. Así, explicáronse as tarefas de documentación, exhumación, análises forenses e xenéticas que neses meses foron executadas.

Tras a consulta documental e do fondo oral de Terra e Memoria, Unidade de Patrimonio Documental e Oral Contemporáneo; así como a través de entrevistas realizadas de novo, “concluíuse que, dos 18 corpos susceptibles de estar na fosa, tan só poderemos identificar a tres, xa que o resto ou ben desapareceu baixo novas construcións do cemiterio, ou ben non hai parentes vivos”, sinalan os investigadores no informe que resume as actuacións desenvolvidas ata o de agora. Tras esta primeira xuntanza, o equipo investigador trasladouse á sede da asociación ‘O faiado da Memoria’ onde puideron amosar estas achegas ás familias das persoas asasinadas, alén de agradecerlles a súa colaboración e plena disposición á hora de colaborar nas tarefas de pescuda. Así, presentáronse as primeiras conclusións á espera da análise definitiva dos restos aparecidos que está a ser levada a cabo polo forense Fernando Serrulla e o equipo de Medicina Legal do catedrático da USC, Ángel Carracedo.

Longo percorrido

En 2008, estableceuse un protocolo de actuación para levar a cabo as exhumacións das fosas da guerra civil e da ditadura en Galicia. A USC e a Consellaría de Cultura asinaron un acordo de colaboración polo que historiadores, arqueólogos, forenses e xenetistas constituirían un equipo de investigación que, profesionalmente, abordaría estas tarefas. Dous anos despois, o proxecto interuniversitario Nomes e Voces asina un convenio co Ministerio de Xustiza para elaborar o Mapa de Fosas de Galicia e, a fins desa década, o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a realizar as tarefas de análise e dignificación dos espazos de morte da comunidade.

Con estes antecedentes, en maio de 2021, e a instancias da Secretaría de Estado de Memoria Democrática a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, tras sucesivas xuntanzas co investigador principal do grupo HISTAGRA, o catedrático Lourenzo Fernández Prieto, así como con Ángel Carracedo Álvarez e Fernando Serrulla, constitúese un equipo de investigación, onde se integran investigadores/as da USC para levar a cabo as primeiras exhumacións realizadas en Galicia ao abeiro dos poderes públicos.

Neste primeira xeira do Plan Cuadrienal, enfocouse o traballo, alén de en Vilagarcía, nas fosas de Crecente e na análise dos restos que foran exhumados en 2018 en Aranga. Ademais, procedeuse a completar o Mapa de Fosas de Galicia, e establecer inercias de traballo que aseguren unha comunicación axeitada coa sociedade para que, de ser o caso, se produzan novas intervencións o ano que vén. “Así, os familiares de Manuel Hermo, natural de Ribeira e asasinado en Lousame puxéronse en contacto con nós para que se procedera á súa exhumación, e a Asociación de Memoria Histórica de Celanova, xunto ao goberno do principado de Asturias tamén solicitaron a nosa colaboración nos traballos de documentación, arqueolóxicos e forenses da fosa común de presos existente no cemiterio desta localidade ourensá. Ambas tarefas serán programadas en 2022”, apuntan dende Histagra.

Como se especifica no informe que resume as actuacións do Plan, ademais da de Vilagarcía, levouse a cabo a exhumación dunha das fosas de Crecente, a situada no atrio da igrexa de San Pedro de Filgueira, “aparecendo restos de corpos que, nunha primeira análise forense semellan compatibles co que buscamos, o carpinteiro de Arnoia César Alberto Domínguez”. Os outros dous enterramentos, tras o estudo histórico realizado, a consulta de arquivos e a fonte oral, foron localizados baixo as augas do embalse de Frieira, o que imposibilita as tarefas de exhumación e análises posteriores.

Chamamento público

“O contacto cos axentes sociais é imprescindible”, sinalou o investigador principal de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto. “Facemos un chamamento a todas aquelas persoas que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativos ás mesmas”, engadiron dende este grupo de investigación da USC. Pódese contactar con Histagra no mail  histagra [at] usc.es (histagra[at]usc[dot]es) ou no teléfono 881 812 734.

“Queremos levar a cabo unha profunda investigación e posta ao día do mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de persoas asasinadas pola violencia franquista”, apuntan dende Histagra. Alén da coordinación de Fernández Prieto, integran o equipo o arqueólogo e profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo; o catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, quen se encarga da análise xenética; e o médico forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), Fernando Serrulla Rech, encargado da investigación forense dos restos humanos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.01.2022.