Pasar al contenido principal

O proxecto Run4Life, destacado no Catálogo de Boas Prácticas en Economía Circular do Ministerio para a Transición Ecolóxica

O sistema proposto en Nigrán trata as augas residuais dun edificio de empresas propiedade de Zona Franca de Vigo. FOTO: Santi Alvite
O sistema proposto en Nigrán trata as augas residuais dun edificio de empresas propiedade de Zona Franca de Vigo. FOTO: Santi Alvite
A investigación na que toma parte a USC constitúe “un cambio radical” na recollida e tratamento das augas residuais
Santiago de Compostela

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico acaba de recoñecer na segunda edición do seu Catálogo de Boas Prácticas en Economía Circular o proxecto H2020 Run4Life no que toma parte a USC. Liderado pola empresa Aqualia e coa participación do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), este proxecto propón “un cambio radical no tratamento convencional, centralizado e lineal das augas residuais por un modelo descentralizado de correntes segregadas que facilita a recuperación de recursos de forma local, mediante a aplicación de tratamentos e tecnoloxías innovadoras”, explica o profesor da USC Juan Lema.

A última edición deste catálogo recolle ata 46 iniciativas que se propoñen como modelos ao dispor de empresas e público interesado, sendo Run4Life a única proposta que se desenvolve en Galicia. En concreto, no marco deste proxecto expuxéronse estratexias diferenciadas en Bélxica, Holanda, Suecia e España. No caso español, o proxecto desenvolveuse no polígono industrial de Porto de Molle, en Nigrán (Pontevedra).

O sistema proposto en Nigrán trata as augas residuais dun edificio de empresas propiedade de Zona Franca de Vigo, que está equipado cunha rede  separativa de augas negras e grises. O proceso comprende un  dixestor  anaerobio, un reactor  aerobio —ambos de membrana—, e un sistema de  postratamento. “Ademais de permitir a reciclaxe das augas que se volven usar na rede sanitaria do edificio, recupérase enerxía procedente tamén das augas, así como nutrientes que se poden empregar no axardinamento do polígono industrial de Porto de Molle”, continúa o profesor Lema.

O proxecto entronca directamente cos principios da Economía Circular, un sistema económico —tal e como recolle o propio Catálogo— no que o valor dos produtos, materiais e demais recursos da economía dura o maior tempo posible, potenciando o seu uso eficiente na produción e o consumo. Deste xeito, redúcese o impacto ambiental do seu uso, e redúcense ao mínimo os residuos e a liberación de substancias perigosas en todas as fases do ciclo de vida.

Ademais da compoñente tecnolóxica liderada por Juan Lema e Miguel Mauricio, tomaron parte no proxecto outros investigadores e investigadoras do CRETUS. A avaliación ambiental das catro solucións corre a cargo da profesora Maite Moreira, mentres que a análise da percepción pública dos sistemas descentralizados é tarefa de José M. Sabucedo. Finalmente, Alba Nogueira acometeu a análise lexislativa comparada.

De esquerda a dereita, os profesores Sabucedo, Moreira, Mauricio, Nogueira e Lema
De esquerda a dereita, os profesores Sabucedo, Moreira, Mauricio, Nogueira e Lema
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.01.2022.