Pasar al contenido principal

A Rede YUCUNET reúnese en Compostela á procura de novos modelos de formación e investigación en Arte Contemporánea e Xestión Cultural ás dúas beiras do Atlántico

De esquerda a dereita, Federico López Silvestre, Mar Lorenzo, Antonio López, Hortensia Peramo Cabrera e Teresa Mezquita Méndez. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Federico López Silvestre, Mar Lorenzo, Antonio López, Hortensia Peramo Cabrera e Teresa Mezquita Méndez. Foto: Santi Alvite
A USC coordina este consorcio internacional que congrega 70 investigadores de 12 institucións procedentes de Cuba, México, Portugal e España.

O Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia abeira ata o mércores 26 de xaneiro o I Encontro do Consorcio Erasmus + KA2 YUCUNET, unha iniciativa encamiñada ao desenvolvemento de programas de mestrado en Arte Contemporánea e Creación Cultural entre Europa e América que conta coa financiamento da Dirección Xeral de Educación e Cultura- EACEA da Unión Europea. O proxecto, liderado pola USC, reúne estes días en Santiago a participantes de 12 institucións académicas e culturais de Cuba, México Portugal e España, cara á creación dunha rede de educativa de investigación e formación ás dúas beiras do Atlántico.

O acto que serviu de apertura ao encontro foi presidido polo reitor da USC, Antonio López, e contou coas intervencións da vicerreitora de Cultura, Igualdade e Servizos, Mar Lorenzo; do director do Departamento de Historia da Arte e co-coordinador xeral de YUCUNET, Federico López Silvestre; da profesora Hortensia Peramo Cabrera, en representación da Universidade das Artes de Cuba; e da profesora María Teresa Mezquita Méndez, en nome da Universidade Autónoma do Iucatán.

Antonio López destacou o carácter “ambicioso” dun “programa moi interesante para aproximar as iniciativas xurdidas ás dúas beiras do Atlántico cara á promoción dos estudos de Arte Contemporánea e Xestión Cultural” e puxo en valor o papel de Galicia e a Universidade de Santiago como ponte desta alianza entre os universos hispanófono e lusófono.

Pola súa banda, o co-coordinador da Rede e director do Departamento de Historia da Arte da USC, Federico López Silvestre, detallou os obxectivos deste proxecto que busca transcender o ámbito estritamente académico para desenvolver novos modelos de formación e investigación que involucren as distintas institucións culturais. Ademais da creación dese dobre mestrado en Arte Contemporánea e Xestión Cultural, a Rede Yucunet traballará no desenvolvemento de ata catro manuais de técnicas curatoriais vencellados cos contidos impartidos.

Cara o cumprimento deses obxectivos, YUCUNET conta coa participación da Universidade Católica Portuguesa, a Universidade do Porto, a Universidade Nova de Lisboa, a Universidade Autónoma de Iucatán (UADY), a Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), a Universidade das Artes de Cuba (ISA), a Universidade de La Habana, a Universidade de Santiago de Compostela e o FabCity de Iucatán; ademais do Museo de Arte Contemporánea de Serralves, o Museo Nacional de Belas Artes de Cuba e o Museo de Arte Contemporánea Ateneo de Iucatán (MACAY).

Ao longo da xornada de hoxe, representantes de cada un destes equipos terán oportunidade de presentar as súas achegas e propostas ao resto de integrantes da rede.

O martes 25 ás 9.30 horas, a Facultade de Xeografía e Historia acollerá unha mesa redonda na que intervirán os directores dos tres museos participantes no proxecto: Rafael Alonso Pérez y Pérez, director do MACAY; Jorge Antonio Fernández Torres, director do Museo Nacional de Belas Artes de Cuba; e Philippe Vergne, director do Museo Serralves  presentarán os seus equipos, e os avances e retos no marco de YUCUNET.

A xornada do mércores 26 incluirá as reunións do Comité de Avaliación Curricular, nunha sesión dirixida polo profesor da USC, Miguel Anxo Rodríguez, e do Comité de Socialización, esta dirixida polo profesor Luis Ernesto Serrano da UNAM. O encontro continuará o xoves 27 e o venres 28 na Escola de Artes da Universidade Católica Portuguesa de Porto e incluirá unha visita ao Museo Serralves da localidade portuguesa.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.01.2022.