Pasar al contenido principal

Unha nova cátedra institucional fomentará a docencia e a investigación en implantoloxía dental e rexeneración ósea

De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Abel García, Antonio López, Mario Pérez-Sayáns, Leana Kathleen Bragança, Jesús Pato, Fernando Guldrís e Benjamín Martín. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Abel García, Antonio López, Mario Pérez-Sayáns, Leana Kathleen Bragança, Jesús Pato, Fernando Guldrís e Benjamín Martín. FOTO: Santi Alvite
USC e a empresa Galimplant asinaron un convenio que impulsará a colaboración co profesorado e departamentos da institución compostelá en todo aquilo que favoreza a formación integral do alumnado, a todos os niveis
Santiago de Compostela

A Cátedra Institucional de Implantoloxía Avanzada Galimplant fomentará a docencia, a investigación e a difusión dos resultados e coñecementos no campo da implantoloxía dental e a rexeneración ósea. O reitor Antonio López e a administradora da empresa Galimplant, Leana Kathleen Bragança, formalizaron este martes a sinatura dun convenio de colaboración que permitirá o acceso do alumnado aos sistemas de simulación clínica para o ensino de novas técnicas implantolóxicas. Ao abeiro desta Cátedra, realizaranse cursos, seminarios, conferencias e cantas actividades académicas redunden na difusión, o coñecemento e a práctica da implantoloxía.

Estas iniciativas levaranse a cabo dentro das actividades de grao, posgrado e doutoramento oficiais (mestrado propio e cursos de formación continua), así como en cursos específicos dirixidos ás odontólogas e odontólogos titulados con necesidades de formación e actualización. “A implantoloxía oral é unha ciencia en constante evolución, polo que a investigación e a formación continua son elementos fundamentais”, apuntan dende a Cátedra que estará dirixida polos profesores Abel García e Mario Pérez-Sayáns tamén presentes no acto de sinatura xunto con Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade; Fernando Guldrís Iglesias, director xeral do IGAPE, dependente da Xunta de Galicia; Benjamín Martín Biedma, profesor de Odontoloxía; e Jesus Pato Mourelo, experto clínico da empresa Galimplant.

As actividades formativas irán dirixidas á aprendizaxe dos novos sistemas de rehabilitación protética baseados nos novos sistemas de implantoloxía avanzada, así como na utilización e selección axeitada dos materiais rexenerativos en implantoloxía. No capítulo reservado a investigación, as actividades desenvolvidas reforzarán as liñas establecidas polo grupo MedOralRes (GI-1319). Ademais, colaborarase co profesorado e departamentos da USC en todo aquilo que favoreza a formación integral dos alumnos, a todos os niveis; e outorgaráselle pulo a actividades traslacionais, mediante a transferencia tecnolóxica dos resultados obtidos nos procesos de investigación ás empresas e á sociedade.

A Cátedra servirá, así mesmo, como instrumento para favorecer a colaboración entre persoal investigador, profesorado e profesionais, fortalecendo vínculos existentes e creando outros novos, coa vontade de crear novos convenios de colaboración estatais e internacionais. Ademais, permitirá potenciar tamén a colaboración e o traballo conxunto de institucións e tecido empresarial, fomentando a innovación e o talento como pancas de desenvolvemento económico e industrial de Galicia, eixos que se están a potenciar dende a administración pública galega promovendo as condicións axeitadas para a mellora competitiva do tecido produtivo.

Acción social

Ademais, preténdese que un dos principais logros desta Cátedra sexa a súa acción social xa que permitirá accións de Extensión Universitaria, mediante a realización de ensaios clínicos, permitindo aos participantes beneficiarse destas accións. Asemade, os resultados destes estudos serán publicados en revistas científicas internacionais para o beneficio de toda a comunidade científica.

Galimplant será tamén o patrocinador oficial da primeira promoción do Programa de Posgrao da USC ‘Experto Universitario en Implantoloxía Oral’ dirixida polo propio Pérez-Sayáns e por José Manuel Somoza. Galimplant é unha empresa galega con sede en Sarria (Lugo), dedicada á fabricación e comercialización de materiais dentais relacionados coa implantoloxía, próteses dentais e materiais rexenerativos. O equipo de Galimplant vén colaborando coa Unidade de Medicina e Cirurxía Oral da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC en traballos de investigación orientados á mellora dos sistemas de implantes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.01.2022.