Pasar al contenido principal

Presentado o volume ‘Antoloxía Palatina. Libros XIII, XIV y XV’

Teresa Amado Rodríguez é unha das responsables do volume
Teresa Amado Rodríguez é unha das responsables do volume
Trátase dunha “edición crítica do texto grego, a primeira que se fai en España”, explicou a responsable da obra e profesora da USC, Teresa Amado
Santiago de Compostela

A profesora da USC Teresa Amado Rodríguez é unha das responsables do volume Antoloxía Palatina. Libros XIII, XIV e XV que acaba de ser presentado no marco das XIX xornadas de Bizancio, organizadas pola Sociedade Española de Bizantinística (SEB). A Antoloxía Palatina é unha colección de aproximadamente 4.200 epigramas gregos, organizados de xeito temático en quince libros, e realizada a finais do século IX a.C. polo eclesiástico de Constantinopla, Constantino Céfalas. Consérvase nun manuscrito do século X chamado Palatinus 23. Algún poema do manuscrito está tamén noutras antoloxías máis breves de distintas épocas. Dende a primeira edición completa do manuscrito de mediados do século XVIII fixéronse varias edicións, á última entre 1978 e 1981 e ningunha en España. Tampouco había ata o de agora unha tradución completa da obra ao español.

O primeiro libro contén poemas con rarezas métricas; o XIV constitúe unha colección de oráculos, adiviñas e problemas matemáticos; mentres que o XV é de contido variado, destacando os ‘Poemas figura’ que compoñen imaxes diversas coa lonxitude diferente dos seus versos. “Presentamos unha edición crítica do texto grego, a primeira que se fai en España, na que se incorporan lecturas desas outras antoloxías, así como a dos manuscritos apógrafos dos eruditos europeos”, sinala a profesora Amado. A edición reproduce o texto tal como está no manuscrito, coas anotacións marxinais, comentarios dos escribas e referencia á paxinación orixinal, que facilita a localización dos textos. O texto grego vai acompañado de aparato crítico, tradución ao castelán e unhas 2000 notas, nas que se discuten moitos aspectos problemáticos do texto.

“O volume ten varios apéndices con táboas de correspondencias que permiten localizar con facilidade os poemas noutras edicións ou unhas páxinas dos manuscritos das antoloxías menores. Isto non se fixera nunca”, sinala Teresa Amado. O libro leva tamén apéndices con escolios extensos ou comentarios que aparecen no propio manuscrito, nos que os eruditos comentan os poemas. “Nós editamos tamén os escolios e traducímolos”, explica a profesora Amado. Ademais da profesora da USC, tomaron parte no acto de presentación o escritor Luis Alberto de Cuenca, director da colección 'Alma Mater' do CSIC; Juan Signes e David Hernández de la Fuente, catedráticos da Universidade Complutense de Madrid; e Begoña Ortega Villaro, responsable da obra xunto a Teresa Amado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.02.2022.