Pasar al contenido principal

“A USC estivo á altura na pandemia e continuará a traballar para manterse á vangarda”, afirma Antonio López

De esquerda a dereita, Cecilia Siera, Paloma Fisac, Antonio López, Montserrat Valcárcel e Dulce García, no acto de San Tomé de Aquino, na Facultade de ADE. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Cecilia Siera, Paloma Fisac, Antonio López, Montserrat Valcárcel e Dulce García, no acto de San Tomé de Aquino, na Facultade de ADE. Foto: Santi Alvite
O reitor adianta no acto académico de San Tomé unha estrutura de goberno “áxil e operativa” para abordar plans e actuacións estratéxicas ao abeiro dunha “folla de ruta financeira clara” que prevé mobilizar máis de 3.100 millóns de euros ata 2026
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor da USC, Antonio López, salienta a solvencia amosada pola institución académica para “estar á altura e transitar pola tormenta da pandemia sen que ninguén quedase esquecido” no acto conmemorativo da festividade de San Tomé de Aquino celebrado este venres na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, onde reiterou o seu agradecemento polo “comportamento responsable” de toda a comunidade universitaria, ante a que se comprometeu a “xerar ilusión e seguir a traballar para manter a USC á vangarda”.

Ao remate do seu primeiro mandato, o tamén candidato único á Reitoría da USC, aproveitou esta sesión académica para presentar balance dos últimos catro anos, nos que, entre outros, o relevo xeracional, tanto no que se refire ao persoal docente e investigador como ao persoal de administración e servizos. Para facer fronte a este problemática, cuantificada en 227 baixas de docentes, na súa maioría por xubilación, o Consello de Goberno da USC aprobou xa en 2019 un plan plurianual que permitiu a creación de 205 novas prazas de profesorado axudante doutor, así como a estabilización doutras 53 prazas desta figura docente, ademais de interinos e investigadores Ramón y Cajal. A promoción doutras 130 prazas de profesor titular e de 132 de catedrático de Universidade, ademais doutras 24 prazas de profesorado permanente nas áreas de Ciencias da Saúde, permitiron endereitar esta situación, lembrou Antonio López, quen tamén cifrou en 123 as prazas de PAS convocadas neste período.

O plan de infraestruturas aprobado pola USC, dotado con preto de 80 millóns de euros e desañado para avanzar no uso más eficiente da superficie construída, optimizar o consumo enerxético e reducir os gastos correntes constitúe outro dos fitos acadados nestes anos, dixo López. A viabilidade deste programa resulta beneficiada polo posterior plan de investimentos por parte do Real Padroado de Santiago, que destinará 280 millóns de euros ata 2032 a obras de rehabilitación de edificios  emblemáticos  ademais de intervencións no Campus Sur e no que cómpre destacar como prioritario o proxecto da Cidade da Saúde, que acollerá as facultades de Farmacia e Enfermaría. No Campus de Lugo a principal actuación en infraestruturas atinxe ao traslado da Facultade de Formación do Profesorado desde o actual emprazamento a espazos dispoñibles no edificio do Complexo Docente. Esta actuación, que require tamén de novas edificacións, non sería posible sen o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidades e da Deputación de Lugo, que pon a disposición terreos para as novas instalacións.

A redución da débeda da USC de 30,7 a 17 millóns constitúe outro dos logros presentados por Antonio López, que ve no plano de financiamento do Sistema Universitario Galego para o quinquenio 2022-2026 consensuado coa Xunta de Galicia unha ferramenta esencial para atender as necesidades da USC. Este plan de financiamento, precisou o reitor da USC, “constitúe unha folla de ruta financeira clara e previsible” que contempla a mobilización de 3.177 millóns de euros.

Logo de facer un agradecemento explícito ao decano da Facultade de ADE, Roberto Bande Ramudo, en calidade de anfitrión do acto académico, e tras eloxiar as reflexións achegadas pola profesora Paloma Fisac de Ron na súa lección maxistral desenvolvida baixo o título ‘O dereito á información e a liberdade de expresión nun Estado de Dereito’ e na que reivindicou que “a Universidade debe dar resposta ás necesidades da sociedade”, Antonio López fixo un chamamento á necesidade de retomar a aposta pola internacionalización da USC tralo parón da pandemia.

Campus Terra

A consolidación do Campus Terra, o campus de especialización localizado na sede universitaria luguesa e acreditado recentemente especialización por parte da Xunta de Galicia co compromiso dunha achega financeira de 4 millóns de euros en catro anos, constitúe un obxectivo prioritario da USC, dixo López, para logo avanzar o fortalecemento da súa gobernanza co nomeamento dun director/coordinador. 

A promoción da imaxe do Campus Terra é necesaria para cumprir os retos fixados, entre os que figura o incremento do número de estudantes matriculados e de teses de doutoramento presentadas, o impulso dos contratos de investigación e o afianzamento de estruturas de I+D non atomizadas, así como a mellora dos resultados da produción científica e das publicacións en revistas indexadas.

Antonio López lembrou así que o Campus Terra é unha oportunidade para completar o camiño xa comezado nestes últimos catro anos coa implantación de novas titulacións con incidencia directa neste campus de especialización, cuxo alumnado medrou neste período un 38%.

Convencido de que “a USC seguira á avanzar para manterse á vangarda e de que o Campus de Lugo estará á altura do que require a súa provincia”, Antonio López recoñeceu non ser alleo a tales expectativas. “ Son consciente unha responsabilidade que non esquivarei e debo ser quen de xerar ilusión nesta nova etapa, cunha estrutura de goberno áxil, con capacidade operativa para a toma de decisións e acorde aos desafíos que se nos presentan”, dixo, para logo engadir que “o impulso ao Campus de Lugo será decidido e permanente a través dunha vicerreitoría e da creación da figura de delegado do reitor”.

Representación social

O acto académico conmemorativo da festividade de San Tomé de Aquino, patrón das universidades, volveu congregar unha ampla representación social, política e académica, entre a que se atopaban a maioría dos vicerreitores e vicerreitoras que conforman o actual equipo de goberno da USC, así como a secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella; a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra; o Xerente da USC, Xavier Ferreira, ademais de directores de departamentos e directores e decanos de centros e profesores universitarios do Campus de Lugo.

A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o presidente e a vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé e Tareixa Ferreiro; o secretario Xeral de Universidades, José Díez de Castro; a presidenta provincial do PP, Elena Candia; o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias; o parlamentario e voceiro do grupo municipal do PP, Ramón Carballo, son algúns dos representantes políticos que tomaron parte nesta cerimonia académica, que tamén contou coa presenza de diversas autoridades militares.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.01.2022.