Pasar al contenido principal

Unha investigación da USC, Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais

Esta investigación contou coa participación dunha mostra de máis de 50.000 adolescentes. FOTO: Santi Alvite
Esta investigación contou coa participación dunha mostra de máis de 50.000 adolescentes. FOTO: Santi Alvite
A Axencia Española de Protección de Datos recoñece este estudo que contou coa participación de máis de 50.000 adolescentes e abordou temas como as consecuencias psicolóxicas asociadas ao uso problemático da internet e das redes sociais
Santiago de Compostela

Persoal investigador da USC e do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría Informática (CCII) acaban de ser recoñecidos  co Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais para un Uso Seguro da internet polos Menores, como consecuencia do estudo levado a cabo durante o pasado curso académico 2020-2021, en colaboración con UNICEF, sobre o Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia.

Co devandito premio a Axencia Española de Protección de Datos pretende recoñecer o compromiso de persoas, institucións, organismos, entidades, organizacións e asociacións, públicas e privadas, que se distinguiron de maneira destacada polo impulso e difusión entre os menores de idade de boas prácticas para un uso seguro da internet, relacionadas fundamentalmente coa información persoal e co valor da privacidade.

Esta investigación contou coa participación dunha mostra de máis de 50.000 adolescentes e abordou temas como as consecuencias psicolóxicas asociadas ao uso problemático da internet e as redes sociais, o  ciberacoso, a posible adicción aos videoxogos ou ao xogo en liña. Como explica o director científico do proxecto, Antonio Rial  Boubeta, este  macroestudo “volve poñer a Galicia na vangarda” destes traballos.  “Non é discutible que temos un grande problema de saúde pública e as institucións deben apostar pola prevención a nivel comunitario”, explicou.

Acto de recollida do premio da Axencia Española de Protección de Datos
Acto de recollida do premio da Axencia Española de Protección de Datos
Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.02.2022.