Pasar al contenido principal

Lara Quiñoá e Begoña Simón, alumnas da Facultade de ADE, gañan unha mención no Talent Macht de Smart People de Hotusa

Lara Quiñoá e Begoña Simón Valladares, co trofeo acadado no Talent Talent Macht de Smart People do Grupo Hotusa
Lara Quiñoá e Begoña Simón Valladares, co trofeo acadado no Talent Talent Macht de Smart People do Grupo Hotusa
As estudantes do Campus Terra acadan unha mención no certame de ideas do sector travel con 20’urban by Eurostars, un proxecto de hotel para turismo xuvenil e social

As estudantes da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC Lara María Quiñoá Piñeiro e Begoña Simón Valladares veñen de acadar o segundo premio na última edición do Talent Macht de Smart People, un certame de ideas empresariais innovadoras no sector travel promovido polo Grupo Hotusa, coa proposta 20’urban, un proxecto de hotel xuvenil, social e urbano orientado especialmente a público de idades comprendidas entre 20 e 35 anos, pero aberto a toda a poboación.

As estudantes de último curso do grao en ADE Lara María Quiñoá e Begoña Simón desenvolveron a súa novidosa proposta empresarial para o sector travel no marco da materia ‘Comercialización e Servizos’, logo de que a profesora María Gómez Barreiro promovera a xeito de formación práctica e xa por segundo ano consecutivo, o desenvolvemento de proxectos empresariais innovadores entre o seu alumnado. Dos oito equipos de traballo que realizaron propostas para este certame, os responsables do Grupo Hotusa seleccionaron o proxecto 20’urban, para a fase final do campionato, celebrada durante unha fin de semana nun hotel de Madrid e para a que se clasificaron equipos de 14 universidades españolas, un abano de finalistas entre os que tamén se atopaba un segundo equipo da USC, o integrado por dous estudantes do Máster en Xestión de Empresas Hotelerias da USC.

A profesora Gómez Barreiro, que acompañou ás alumnas galardoadas na fase final deste certame do Grupo Hotusa, lembrou que a participación da Facultade de Ade do Campus Terra da USC neste concurso de ideas promovido pola grupo empresarial Hotusa, con sede en Chantada, non é nova, xa que “o ano pasado tamén representamos á USC neste torneo”, dixo, para logo engadir que “logo desta experiencia, un dos alumnos participantes incorporouse ao cadro do Grupo Hotusa cun contrato de traballo”.

Gómez Barreiro explicou neste senso que o Grupo Hotusa, que conta con hoteis en todo o mundo, acompaña a celebración deste concurso de ideas empresariais innovadoras dun proceso de selección de persoal, razón pola que todos os participantes seleccionados previamente participan en entrevistas de traballo e procesos de selección guiados por parte dos equipos de Recursos Humanos do grupo.

Respecto do proxecto de hotel presentado por Begoña Simón e Lara María Quiñoá, a profesora María Gómez Barreiro comentou que 20’urban by Eurostars constitúe unha proposta hoteleira diferente, dirixida a mozos e mozas de entre 20 e 35 anos cun mínimo poder adquisitivo e que buscan unha oferta de turismo social, flexible e urbano caer nos establecementos low cost, pero tampouco sen pagar os prezos elevados dos hoteis de catro ou cinco estrelas. A proposta está moi traballada e resulta un concepto de hotel diferente, no que se ofrece posibilidades de encontro e interacción con outras persoas, posibilidade de reducir costes prescindindo de servizos e estancias de aloxamento acaídas para turismo en grupo (4-6 persoas). As liñas de comercialización desta proposta hoteleira, canalizadas na súa maioría a través das redes sociais, é outra das fortalezas apreciadas na proposta desenvolvida por Lara María Quiñoá e Begoña Simón Valladares, segundo explicou a súa titora, a profesora María Gómez Barreiro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.04.2018.