Pasar al contenido principal

A USC desenvolve as cuartas xornadas de Educación para o Desenvolvemento

Comeza a cuarta edición das xornadas dedicadas á Educación para o Desenvolvemento
Comeza a cuarta edición das xornadas dedicadas á Educación para o Desenvolvemento

A cuarta edición das xornadas dedicadas á Educación para o Desenvolvemento (ED) desenvólvese este martes na Facultade de Ciencias da Educación no Campus Vida coa participación de arredor de 200 persoas. Este ano, a xornada céntrase na ‘Educación como camiño para a paz’, lema da Campaña Mundial pola Educación. A xornada enmárcase ademais nos esforzos da USC por divulgar e facer efectiva a Axenda 2030 con especial compromiso co ODS 4 centrado na educación.

A xornada foi inaugurada da man da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Mº Dolores Álvarez Pérez, que afirmou que “a responsabilidade social universitaria esíxenos pensar na nosa contribución aos grandes retos da Axenda 2030”, e facendo un chamamento ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación que participa nestas xornadas, engadiu “vós sodes o axente multiplicador que tanto necesita a sociedade. O futuro está nas vosas mans”. No acto de inauguración tamén participaron Javier Agrafojo Fernández, coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria; Silvana Longueira Matos, coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible e José Luis Barreiro Areses, coordinador en Galicia da Fundación Entreculturas.

A continuación, comezou o relatorio de Miguel Rodríguez, titulado ‘Campaña Mundial pola Educación: deixa a túa pegada’, no que explicou que o obxectivo da Educación para o Desenvolvemento é “plantar unha semente crítica nas persoas”, para que logo decidan continuar a súa formación neste eido. A conferencia puxo o foco nos principios de “formación, sensibilización, investigación e mobilización social” que son necesarios para dar voz aos 124 millóns de menores no mundo que non van á escola.

O relatorio ‘Refuxiados e educación: dereito ao futuro’ correu a cargo do experto en axuda humanitaria Gonzalo Sánchez Terán, quen volverá a tratar o mesmo tema ás 20.00 horas na Facultade de Filosofía. “Os nenos supoñen a metade dos refuxiados que hai no mundo, o que dificulta o seu acceso á escola. O único que podes levar sempre contigo é a Educación, que ten ese poder de abrir ventás e desencadear futuro”, indicou.

A xornada matinal concluíu cunha mesa redonda na que Mar Lorenzo, do grupo de investigación Esculca; Germán Vargas Callejas, do grupo SEPA; e Ana Lampón Gude, de Solidaridade Internacional de Galicia, presentaron os traballos dos seus respectivos grupos en materia de Educación para o Desenvolvemento.

Os participantes durante as xornadas na Facultade de Ciencias da Educación

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.04.2018.