Pasar al contenido principal

José Manuel Sabucedo, Premio Ibérico da Psicoloxía

O labor investigador do profesor Sabucedo, polo que acaba de ser distinguido, céntrase no estudo de procesos psicosociais básicos e na súa aplicación a diferentes ámbitos, especialmente os de psicoloxía política e psicoloxía social e medio ambiente. FOTO: Santi Alvite
O labor investigador do profesor Sabucedo, polo que acaba de ser distinguido, céntrase no estudo de procesos psicosociais básicos e na súa aplicación a diferentes ámbitos, especialmente os de psicoloxía política e psicoloxía social e medio ambiente. FOTO: Santi Alvite
Esta é a IV edición deste recoñecemento outorgado polo Consello Xeral de Psicoloxía de España e a Orde de Psicólogos Portugueses e do que se fará entrega o 11 de marzo no marco do V Encontro Hispano Luso
Santiago de Compostela

O catedrático da USC José Manuel Sabucedo acaba de ser recoñecido co Premio Ibérico da Psicoloxía que concede o Consello Xeral de Psicoloxía de España e a Orde de Psicólogos Portugueses. O profesor Sabucedo recollerá o galardón o vindeiro 11 de marzo no marco do V Encontro Hispano Luso  que se celebrará no Auditorio da Facultade de Psicoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca. O labor investigador do profesor Sabucedo, polo que acaba de ser distinguido, céntrase no estudo de procesos psicosociais básicos e na súa aplicación a diferentes ámbitos, especialmente os de psicoloxía política e psicoloxía social e medio ambiente.

“Este galardón permite dar visibilidade á USC nesta área de coñecemento”, apuntou o catedrático de Psicoloxía Social da USC. Sabucedo afirmou que este recoñecemento “é de agradecer pola dúas entidades que o outorgan”. Así, quixo salientar que o Consello Xeral de Psicoloxía de España é a agrupación máis importante do Estado no seu ámbito e atópase integrada por máis de 77.000 persoas, tal e como sucede coa Orde de Psicólogos Portugueses, entidade análoga no caso portugués.

“Este é un premio ao traballo de moitas persoas”, sinalou para logo lembrar que ao longo das catro décadas que nutren a súa dilatada traxectoria, dirixiu 22 teses de doutoramento —cinco delas con premio extraordinario—, e liderou ou participou en 21 proxectos de investigación, ademais de nun amplo número de contratos de investigación con empresas ou institucións. “Este é un premio para o grupo de investigación no seu conxunto”, engadiu en referencia ao equipo que coordina baixo a denominación ‘Comportamento Social e Psicometría Aplicada’ (COSOYPA).

Currículo

José Manuel Sabucedo Cameselle é catedrático de Psicoloxía Social na Facultade de Psicoloxía da USC e é membro do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). Primeiro decano da Facultade de Psicoloxía da USC entre os anos 1991 e 1998, organizou a Primeira Conferencia de Decanos de Psicoloxía de España. Sabucedo tamén foi promotor e primeiro presidente da Sociedade Científica Española de Psicoloxía Social (SCEPS) entre 2012 e 2020. Entre os galardóns recibidos, destacan o Premio Eugenio Montero Ríos en investigación social (Premio Galicia de Investigación) en 2006;  e a Medalla Domingo García-Sabell Rivas de Investigación en Ciencias Económicas e Sociais da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en 2020. Sabucedo foi tamén editor da revista international Journal of Social Psychology entre 2010 e 2017.  

V Encontro Hispano Luso

Os Encontros Hispano Lusos teñen como obxectivo primordial trasladar aos profesionais e á comunidade as novas achegas que nos dous países se veñen aplicando á solución de problemas actuais, que afectan nos contextos de infancia, adolescencia, idade adulta e durante os procesos de envellecemento. A forxa da identidade profesional e a necesaria presenza dos e das psicólogas en atención primaria serán dúas das cuestións a tratar neste foro. No marco deste evento farase entrega da IV Edición dos Premios Ibéricos da Psicoloxía nos que o profesor Sabucedo será recoñecido pola súa importante contribución ao desenvolvemento da Psicoloxía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.02.2022.