Pasar al contenido principal

O investigador medievalista José María Anguita Jaén sitúa no Codex Calixtinus o primeiro relato sobre a orixe dos vascos

Imaxe do relato 'Iulius Caesar ut traditur', do Codex Calixtinus
Imaxe do relato 'Iulius Caesar ut traditur', do Codex Calixtinus
A análise publicada polo profesor na Facultade de Humanidades da USC no ‘Anuario de Estudos Medievais’ do CSIC defende que o relato ‘Iulius Caesar ut traditur’ é a primeira etnoxénese vasca coñecida e inclúe os elementos esencias das posteriores narracións aceptadas de Barcelos e García de Salazar, historiadores do señorío de Biscaia
Lugo

O profesor e investigador medievalista do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC José María Anguita Jaén sitúa a primeira etnoxénese vasca coñecida no relato ‘Iulius Caesar ut traditur’, recollido no Codex Calixtinus, segundo conclúe no artigo que vén de publicar no ‘Anuario de Estudos Medievais’, unha publicación do CSIC que está considerada como a de maior impacto nesta etapa histórica.

Anguita Jaén lembra no seu artigo que este pequeno relato compilado no Codex Calixtinus responde a un escrito presentado de forma tradicional ao que nunca se lle outorgou credibilidade nin validez histórica. Este investigador da USC data en 1136 o texto escrito baixo o epígrafe ‘Iulius Caesar ut traditur’ e atribúe a súa autoría ao monxe beneditino Aymeric Picaud, a quen apunta asemade como posible autor deste magno códice do século XII.

Alén destas pescudas máis globais respecto do Codex Calixtinus, Anguita Jaen outorga validez no seu artigo ás “ideas absurdas” plasmadas no relato ‘Iulius Caesar ut traditur’, unha narración breve e que de sempre foi rexeitada pola crítica, na que se explica a orixe dos vascos como un genus mixtum, froito da unión de mulleres autóctonas con mercenarios romanos de distintas etnias (escotos, cornualleses e nubios), que o propio Julio César enviou a Hispania co obxecto de someter a súa poboación ao pago de tributos.

Anguita Jaén sostén asemade que este relato constitúe a primeira etnoxénese sobre a orixe dos vascos e data a súa escrita varios séculos antes das narracións aceptadas dos primeiros historiadores do señorío de Biscaia, tales como o son Barcelos e García de Salazar. O investigador da USC sospeita asemade que a narrativa deste texto, cuxo ton e contido podía responder a conflitos prebélicos ou intereses dispares entre o Ducado de Aquitania e o señorío de Biscaia, sostén os elementos que deron lugar ás teorías do vasco-iberismo e o vasco-cantabrismo de Garibay, xa no século XVII.

Alén destas consideracións, José María Anguita entende que esta narrativa calixtina tamén pode erixirse en primeira testemuña absoluta dalgúns motivos recollidos por Ximénez de Rada ou Afonso X nas etnoxéneses ibéricas incluídas nas súas Historias de España e, máis curioso, doutros inmortalizados un século máis tarde no Poema de Fernán González.

O artigo publicado polo profesor na Facultade de Humanidades da USC na publicación do CSIC ‘Anuario de Estudos Medievais’ deixa entrever que o modesto relato calixtino obxecto de estudo puidera servir de inspiración a Xofre de Monmouth, o famoso creador de materia artúrica, na súa 'Historia regum Britanniae'. 

Asemade, Anguita Jaén tamén pon o foco nalgúns dos elementos nucleares do argumento deste breve texto calixtino están en concordancia perfecta coa teoría da Vasconización ou Euskaldunización tardía, unha consideración revitalizada nos últimos anos con crecentes datos e argumentos no eido da historiografía vasca.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.02.2022.