Pasar al contenido principal

A Facultade de Ciencias achega a mocidade á investigación a través do concurso de vídeos ‘Petiscos de ciencia’

Cartaz do concurso de vídeos en galego 'Petiscos de ciencia'
Cartaz do concurso de vídeos en galego 'Petiscos de ciencia'
A iniciativa promovida pola Comisión de Normalización Lingüística do centro lugués e dirixida tanto a alumnado da USC como a estudantes preuniversitarios busca fomentar a divulgación científica en lingua galega. O prazo de presentación de propostas ao certame, que repartirá 1.500 euros en premios, permanece aberto ata o 22 de abril
Lugo, Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo convoca, co apoio do SNL da USC o concurso de vídeos ‘Petiscos de ciencia’ co obxectivo de achegar a actividade científica á mocidade, ademais de para favorecer a divulgación en lingua galega dos contidos do labor que desenvolve a comunidade investigadora. O certame, que está aberto á participación do alumnado matriculado este curso en calquera das titulacións impartidas na USC, así como a estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, repartirá 1.500 euros en premios entre as catro propostas máis valoradas polo xurado. O prazo de presentación de vídeos inéditos e orixinais, que poden ser elaborados de xeito individual ou en equipos de tres persoas coordinadas por un docente, remata o 22 de abril de 2022.

As propostas presentadas a concurso deben remitirse ao enderezo de correo electrónico fcdeca [at] usc.gal (fcdeca[at]usc[dot]gal) e teñen que estar aloxadas nunha canle de YouTube baixo licenzas Creative Commons, segundo rezan as bases do certame, nas que se tamén se explica que o xurado encargado de avaliar as propostas creativas terán en conta a súa calidade técnica (imaxe e son), a corrección lingüística, a orixinalidade do vídeo, así como a veracidade dos contidos científicos.

Os vídeos serán en lingua galega, tanto nas expresións orais como nos elementos escritos, e a súa duración non pode ser inferior a 30 segundos nin superior a 90 segundos. O xurado anunciará as candidaturas gañadoras nas páxinas web da Facultade de Ciencias e do Servizo de Normalización Lingüística da USC. A entrega dos premios desenvolverase o 20 de maio na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, no marco dunha sesión na que unha  persoa de referencia no ámbito científico de Galicia ofrecerá un relatorio a importancia da ciencia na sociedade.

Categorías

O concurso de vídeos en galego ‘Petiscos de ciencia’ contempla dúas categorías, unha aberta a propostas presentadas por alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, e outra para estudantes universitarios. O mellor traballo presentado en cada unha das categorías recibirá como agasallo unha gratificación en metálico de 500 euros, mentres que as segundas candidaturas máis valoradas en cada modalidade recibirán como obsequio 250 euros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.02.2022.