Pasar al contenido principal

A Facultade de Química e a ETSE promoven o uso do galego a través de dous certames audiovisuais

As comisións de Normalización Lingüística da Facultade de Química e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría impulsan estes concursos. FOTO: Santi Alvite
As comisións de Normalización Lingüística da Facultade de Química e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría impulsan estes concursos. FOTO: Santi Alvite
O ‘II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible’ e ‘VÍDEO-ENXEÑOS. I Concurso de vídeos sobre enxeñaría informática e química’ manteñen aberto o prazo para a recepción de traballos
Lugo, Santiago de Compostela

As comisións de Normalización Lingüística da Facultade de Química e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC acaban de convocar dous certames de vídeos coa vontade de promover o uso do galego entre o alumnado das súas titulacións. Os certames titulados ‘II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible’ e ‘VÍDEO-ENXEÑOS. I Concurso de vídeos sobre enxeñaría informática e química’ manteñen aberto seu prazo de inscrición. Estas iniciativas contan co apoio do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC.

Química sostible

O ‘II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible’ bota a andar co obxectivo de poñer de manifesto a naturalidade da expresión dos contidos científicos en lingua galega, e máis especificamente divulgar en galego as achegas da química sostible na resolución de problemas nos ámbitos da saúde, o ambiente e a industria. Pode participar no concurso calquera membro da USC que presente un vídeo en galego, cun enfoque libre, dun máximo de tres minutos sobre unha achega concreta da química sostible na resolución de problemas nos ámbitos da saúde, o ambiente e a industria. Para presentar os vídeos cómpre enviar un correo ata o 20 de abril de 2022 (incluído) a facultade.quimica.decanato [at] usc.gal (facultade[dot]quimica[dot]decanato[at]usc[dot]gal) cos requirimentos establecidos nas bases do certame. Hai tres premios de 400, 300 e 200 euros, xunto co correspondente diploma acreditativo. Este concurso enmárcase no compromiso da USC coa Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable da ONU, ‘Unha oportunidade coas persoas e o planeta’.

VÍDEO-ENXEÑOS

Divulgar entre a sociedade galega aspectos interesantes da enxeñaría informática e da enxeñaría química é unha das metas da primeira edición de ‘VÍDEO-ENXEÑOS’. O certame está aberto ao alumnado da ETSE que presente un vídeo en galego de entre dous e tres minutos, que poderá ser de carácter xeral sobre algún aspecto ou temática emerxente dos estudos impartidos neste centro da USC, divulgativos ou proxectos educativos para o ensino secundario. A presentación de traballos debe realizarse a través deste formulario. O prazo remata o día 29 de abril de 2022. Outorgaranse catro premios por valor de 325 euros cada un.

Petiscos de ciencia

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo convoca, tamén co apoio do SNL da USC, o concurso de vídeos ‘Petiscos de ciencia’. O certame, que está aberto á participación do alumnado matriculado este curso en calquera das titulacións impartidas na USC, así como a estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, repartirá 1.500 euros en premios entre as catro propostas máis valoradas polo xurado. O prazo de presentación de vídeos inéditos e orixinais, que poden ser elaborados de xeito individual ou en equipos de tres persoas coordinadas por un docente, remata o 22 de abril de 2022. As propostas presentadas a concurso deben remitirse ao enderezo de correo electrónico fcdeca [at] usc.gal (fcdeca[at]usc[dot]gal) respectando os requirimentos contemplados nas bases do certame.  

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.02.2022.