Pasar al contenido principal

Veterinaria forma a inspectores do servizo de gardacostas de Galicia en diagnóstico de enfermidades de peixes

O decano de Veterinaria, primeiro pola esquerda, co alumnado do curso
O decano de Veterinaria, primeiro pola esquerda, co alumnado do curso
O programa impartido por docentes e investigadores do Grupo de Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet) da USC, que coordina Maribel Quiroga Berdeal, dá resposta á demanda de formación continúa solicitada pola Consellería de Mar
Lugo

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC forma a persoal do Servizo de Inspección e Control dos Recursos da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia en materia de diagnóstico de enfermidades de peixes a través dun módulo de formación continua a demanda impartido por docentes e investigadores do Grupo de Anatomía Patolóxica Veteriaria (Gapavet) da USC, que coordina Maribel Quiroga Berdeal.

A actividade formativa solicitada pola Consellería do Mar e na que participan dez veterinarios, desenvólvese ata este martes nas instalacións da Facultade de Veterinaria do Campus Terra, cuxo decano, Gonzalo Fernández Rodríguez, ofreceu este luns un acto de recepción a todos os profesionais do servizo gardacostas inscritos neste módulo de formación continua.

O programa, que inclúe a actualización de contidos teóricos e tamén sesións de carácter práctico orientadas a Actualizar os coñecementos do persoal encargado da inspección en materia diagnóstico de enfermidades de peixes, comezou esta mañá con dúas charlas sobre anatomía comparada e funcional e diagnóstico clínico de peixes. O profesor da USC Roberto Bermúdez Pose foi o encargado de impartir estas sesións, trala que Maribel Quiroga abordou noutra clase a importancia que teñen as necropsias e a toma de mostras para acometer con precisión o diagnóstico das enfermidades ou patoloxías que presentan os peixes.

Logo desta primeira xornada de actualización de contidos teóricos, os vez veterinarios inscritos deste módulo de formación continua participarán este martes en novas sesións prácticas na Facultade de Veterinaria de Lugo, onde terán a ocasión de ampliar os seus coñecementos sobre manipulación e estudo dos peixes sen sacrificio, así como sobre técnica non letais e de diagnóstico rápido.

Métodos de sacrificio e necropsias e procedementos a seguir na toma de mostras e tamén no exame post morten constitúen outras das cuestións que se tratarán na xornada deste martes, na que intervirán como docentes Roberto Bermúdez Pose, Manuela de Azevedo, Ana Losada e Maribel Quiroga. Estas docentes tamén ampliarán a formación do alumnado participante en materia de identificación macroscópica de enfermidades de declaración obrigatoria, así como doutras patoloxías habituais.

Peixes
Peixes
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.02.2022.