Convocada unha nova edición do Premio ‘Luís Porteiro Garea’ a prol da normalización do galego na Universidade
A USC acaba de convocar a quinta edición do Premio ‘Luís Porteiro Garea’ co que se lembra a figura do profesor da cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala, Luís Porteiro Garea. O día 16 de setembro de 1915, Porteiro Garea pronunciou no Paraninfo da Universidade a primeira lección en lingua galega da que se ten constancia e a través deste recoñecemento que leva o seu nome, a USC quere renderlle tributo.
O V Premio ‘Luís Porteiro Garea’ recoñecerá a iniciativa, o traballo e a traxectoria da comunidade universitaria presente e pasada a prol da normalización do galego na universidade. Deste xeito, serán valoradas aquelas iniciativas relacionadas co emprego habitual da lingua na institución universitaria; as achegas realizadas á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos e actividades na USC; o estudo e difusión do idioma galego; ou calquera outra iniciativa que sexa considerada relevante neste eido. Nas anteriores edicións deste premio foron recoñecidos Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico e Antonio Rigueiro, catedráticos de Química Orgánica, Dereito Mercantil, Historia da Educación e Enxeñaría de Montes, respectivamente.
As candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo ata o 30 de abril de 2022 e deben dirixirse, seguindo o modelo que se establece nas bases, á Secretaría do xurado a través do Rexistro Electrónico da USC. O premio ten carácter de distinción pública e será entregado nun acto protocolario no mes de setembro á persoa ou colectivo premiado. O galardón é elemento simbólico de tipo artístico: unha peza orixinal do escultor Caxigueiro.
O xurado estará formado polo reitor; a persoa integrante do equipo de goberno da USC con competencia en cuestión de política lingüística; un representante da Comisión do Claustro; dúas persoas membros dunha comisión de normalización das facultades; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, que actuará como secretario, con voz pero sen voto. A composición concreta do xurado farase pública con anterioridade á súa constitución no taboleiro electrónico e na páxina web da USC.