Pasar al contenido principal

Faleceu a profesora Pilar de Torres Luna, catedrática de Xeografía na USC, en cuxas aulas impartiu docencia durante corenta anos

Pesar na Universidade polo pasamento de Pilar de Torres Luna, profesora na Universidade de Santiago de Compostela durante corenta anos. Nada en Bayarque, Almería, licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Zaragoza, onde iniciou a súa carreira como docente. Tralo seu paso pola Universidade de Navarra, na que se doutora, incorpórase á Universidade de Santiago como agregada interina en 1968, pasando por oposición nacional a numeraria en 1972 e a catedrática en 1981, ata a súa xubilación en 2008.

O reitor Antonio López transmite á familia e amigos as súas condolencias, destacando os méritos da profesora como docente e investigadora. Tamén o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Francisco Durán, en nome propio e en representacións do profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado da Facultade, fai público o pesar pola perdida da profesora que foi “apreciada e querida” no Centro.

Conxuntamente con Miralbés Bedera, iniciaron fai 50 anos a andadura do Departamento de Xeografía na antiga Facultade de Filosofía e Letras compostelá. Directora da Biblioteca, Secretaria da Facultade de Xeografía e Historia, Directora do Departamento, presidenta das probas de acceso á Universidade foron algúns outros dos servizos prestados durante a súa dilatada estadía na USC.

Gran coñecedora de Galicia, a ela dedicoulle a maior parte da súa investigación e produción bibliográfica. Entre a súa obra é de destacar a súa contribución ao coñecemento da parroquia rural como base da articulación do territorio galego, o Camiño de Santiago e as súas achegas á xeografía rural, unha liña de investigación crave na súa traxectoria investigadora, cuxo desenvolvemento correu da man dun nutrido grupo de investigadores/as novos, hoxe convertidos nos seus discípulos e sucesores en diferentes universidades.

Recoñecida ao longo da súa vida con premios e distincións, a profesora de Torres Luna era membro vitalicio da Real Sociedade Xeográfica, da Asociación de Xeógrafos Españois, da Societé Jean Bodin de Bélxica e académica de Real e Pontificia Academia Auriense Mindoniense de San Rosendo, á que lle dedicou os seus últimos anos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.12.2018.