O alumnado de Medicina e Odontoloxía coida da saúde da lingua galega, “a nosa constante vital”
“É hora de reanimarmos a nosa lingua”. “No hospital, na consulta, na aula: en galego!”. “Quero ser médicx en galego”. “Para ter galego nas nosas consultas, necesitamos galego na nosa formación”. Ou “A nosa lingua, a nosa constante vital”. Estes son tan só algúns dos máis de vinte lemas cos que o alumnado da Facultade de Medicina e Odontoloxía puido posar este martes, no marco da campaña de sensibilización a prol do galego ‘A boa Medicina’.
Accións como este photocall perseguen racionalizar os posibles prexuízos contra a lingua e a cultura galega; sensibilizar o alumnado en relación aos seus compañeiros e compañeiras galegofalantes; favorecer o mantemento lingüístico do alumnado galegofalante; promover o respecto lingüístico e dar a coñecer os dereitos lingüísticos na USC. Cada un dos e das participantes recibirá un agasallo por parte dos impulsores de 'A boa Medicina'.
“O alumnado galego adoita carrexar os seus propios prexuízos lingüísticos, e o contacto con compañeiros e compañeiras de fóra de Galicia ás veces contribúe a consolidalos e aumentalos, e a que recorten o uso do galego”, explican dende a organización da campaña. “Ademais, aquelas alumnas e alumnos que usan o galego con normalidade, na única facultade de Medicina do mundo en que teñen dereito a usalo, vense ás veces en situacións incómodas”, engaden. A mellora da información sobre os usos lingüísticos do grao así como nutrir o alumando con recursos e estímulos para estudar en galego é outro dos horizontes a acadar.
‘A boa Medicina’ botou a andar en outubro de 2021 co impulso da Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC. A campaña consta de roll-ups, imaxes para as redes sociais, folleto de sensibilización e con información sobre os dereitos lingüísticos na USC, así como esta actividade participativa con materiais de agasallo. A campaña xira arredor de frases ligadas coa estratexia de relacionar o respecto lingüístico e o coñecemento e uso das linguas coa profesionalidade no exercicio da medicina.