Pasar al contenido principal

Antonio López, reelixido reitor da USC

O profesor López, candidato único nestes comicios, obtivo 1.636 votos. FOTO: Santi Alvite
O profesor López, candidato único nestes comicios, obtivo 1.636 votos. FOTO: Santi Alvite
O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, candidato único nestes comicios, obtivo 1.636 votos
Lugo, Santiago de Compostela

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, Antonio López, foi elixido reitor da USC por catro anos máis logo das eleccións que tiveron lugar este mércores 23. O profesor López, candidato único nestes comicios, obtivo 1.636 votos, dos cales, 706 proceden do sector I (profesorado doutor con vinculación permanente); 394, do sector III (alumnado matriculado en titulacións oficiais); 271, do sector IV (Persoal de Administración e de Servizos); e 265, do sector II (membros das restantes categorías de persoal docente e investigador). En total, emitíronse 3.847 votos, dos cales, 2.211 foron en branco. Nesta xornada electoral elixíronse ademais os representantes dos distintos sectores no Claustro Universitario e de estudantes nas Xuntas de Centro. Os resultados poden consultarse na web das eleccións. 

Resultados provisionais
Resultados provisionais

A participación nas eleccións ascendeu a un 14,05% dun censo composto por 27.379 persoas. En concreto, no sector I a participación foi lixeiramente superior ao 77%; seguido do sector do Persoal de Administración e Servizos que superou o 60%. Nas restantes categorías do PDI, a participación ascendeu ao 34,01%; mentres que no caso do alumnado situouse no 6,36%.

Equipo de goberno

O equipo do reitor estará integrado por Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Política Científica; María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización; Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado; Francisco Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo; Sindo Feijoo Costa, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación; Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura; e Dulce García Mella, secretaria xeral. O plan de goberno do profesor López está estruturado en cinco liñas estratéxicas: planificación ao servizo da Universidade, as facultades e escolas como elemento vertebrador, a estruturalización da investigación; cogobernanza, axilidade e transparencia; así como proxectar a imaxe da nova USC.

Currículo

Antonio López (Barreiros, 1964) ingresou en 1981 na Facultade de Dereito da USC, onde obtivo a súa licenciatura, con premio extraordinario en 1986. En 1991, acadou o grao de doutor na USC, da cal é catedrático de Dereito Financeiro e Tributario. Dende a súa licenciatura ata a actualidade, vén desenvolvendo unha intensa carreira docente e investigadora con numerosas publicacións e estadías nas universidades de São Paulo, Montevideo e Boloña.

​É membro de diversas asociacións relacionadas coa súa especialidade, entre as que destacan a Asociación Española de Profesores de Derecho Financiero, a Asociación Española de Asesores Fiscales e a European Association of Tax Law Professors. Desempeñou os cargos de director do Departamento de Dereito Público Especial, secretario da Comisión de Doutoramento, vicerreitor de Coordinación do Campus de Compostela e vicerreitor de Xestión de Infraestruturas (1998-2002), de decano da Facultade de Dereito (2005-2007) e nos últimos catro anos (2018-2022) foi reitor da USC. En xullo de 2007 o Parlamento de Galicia elixiuno membro do Consello de Contas, cargo que ocupou ata decembro de 2013. Entre 2007 e 2010 foi conselleiro maior deste organismo.

Claustro e Xuntas de centro

No caso da elección de representantes no Claustro Universitario o número de persoas candidatas ascendeu a 176 no sector I, 47 no sector II, 121 no sector III e 54 no sector IV. O sector I abrangue o 51% do Claustro e atópase integrado por profesorado doutor con vinculación permanente, en total, 153 membros; o sector II abarca o 11% e nútrese de membros das restantes categorías de persoal docente e investigador, en suma, 33 membros; o sector III con 84 membros abrangue o 28% do claustro e está conformado por alumnado matriculado en titulacións oficiais; mentres que o sector IV, con 30 membros, o que se corresponde co 10% do Claustro, componse integramente por Persoal de Administración e de Servizos.

No sector I rexistráronse 708 votos cunha participación do 83,79%. No sector II, a participación foi do 42,22% con 301 votos emitidos. No sector III, emitíronse 865 votos, o que conforma unha participación do 8,30%. Finalmente, o sector IV contou cunha participación do 63%, o que implica un total de 1001 votos. Finalmente, 290 foi o número de candidaturas rexistradas na elección de representantes de estudantes nas Xuntas de Centro.

Vindeiros prazos

A proclamación provisional das candidaturas electas terá lugar este xoves 24 de febreiro. Entre o 25 de febreiro e o 7 de marzo poderán presentarse recursos ante a Comisión Electoral Central contra as devanditas proclamacións provisionais. O 9 de marzo terá lugar a proclamación definitiva das candidaturas electas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2022.