O concerto ‘Alén do tempo’, a cargo do grupo de música antiga Resonet, adianta a chegada do Nadal á Casa do Saber

O grupo de música antiga Resonet adiantou a chegada do Nadal á Casa do Saber de Lugo coa celebración do concerto ‘Alén do tempo’, un programa de música de Nadal herdada do Padre Manuel Feijoo que espertou o interese das máis de oitenta persoas que presenciaron a actuación de presentación de novo traballo desta formación ensemble de música antiga.
Resonet é unha formación nada en Santiago en 1990 baixo o impulso e a dirección do laudista Fernando Reyes e tamén co apoio da soprano Mercedes Hernández. Esta formación toma o seu nome dunha peza do Códice Calixtino conta xa cunha longa traxectoria de concertos en prestixiosos festivais e auditorios de Europa. Paulo González, frautas, zanfona e gaita, e Carlos Castro, percusión, así como un grupo vocal mixto composto por Paulina Ceremucinska, Trinidad de Miguel, Rosa Vázquez, Cristian Losada, Richard Rivera e Juan Villalobos, completan os integrantes deste grupo de música antiga.
O programa do concerto ‘Alén do tempo’ estivo estruturado en tres actos. Na primeira entrega, ‘ Música de Nadal’, os componentes de Resonet puxeron música e voz a varias letras de C. Torre Enciso, tales como ‘Non era o tempo da frol’, ‘San Xosé foi carpinteiro’, ‘Son un mozo afiador’, ‘ Cantar da namorada’ e ‘Ourives da seda’, ademais da peza ‘Noite de amor’ e un canto de berce de letra popular.
A esta primeira achega seguiu o acto ‘Música da nosa terra’, que inclúe as pezas ‘Como chove miudiño’, con letra de Rosalía de Castro, ‘Nai chorosoa’, de Alberto Camino, e ‘Pranto por Basilio’, peza recollido no Gaiteiro compostelán. Xa como colofón da actuación, Resonet pechou o seu concerto de presentación en Lugo con tres composicións de música de Nadal, como o son un algueirada de Nadal ou as letras musicadas de C. Torre Enciso ‘Laio de berce i esperanza’ e ‘Gaitas e gaiteiros’.
Público asistente ao concerto de Nadal 'Alén do tempo', ofrecido polo grupo ensemble Resonet na Casa do Saber