Pasar al contenido principal

A saúde mental no traballo, tema central no Día da Psicoloxía Académica

De esquerda a dereita, Rosa Álvarez, Antonio López, Mª José Sampedro e Marisa Salanova. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Rosa Álvarez, Antonio López, Mª José Sampedro e Marisa Salanova. FOTO: Santi Alvite
O relatorio a cargo de Marisa Salanova Soria, catedrática de Psicoloxía Social da Universitat Jaume I, centrou un acto no que a USC fixo entrega da insignia e diploma ao alumnado de premio extraordinario de grao e máster dos cursos 2019-20 e 2020-21
Santiago de Compostela

A Facultade de Psicoloxía da USC conmemorou este xoves 24 o Día da Psicoloxía Académica cun acto institucional presidido polo reitor Antonio López e que serviu para profundar na ‘Saúde mental no traballo: unha aproximación dende a Psicoloxía Organizacional Positiva’, a través do relatorio de Marisa Salanova Soria, catedrática de Psicoloxía Social da Universitat Jaume I. No acto, tamén tomaron parte Mª José Sampedro Vizacaya, decana do centro; Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; e o catedrático da USC José Manuel Sabucedo Cameselle, quen desenvolveu a presentación da conferenciante.

O acto tamén serviu para facer entrega da insignia e diploma ao alumnado de premio extraordinario de grao e máster dos cursos 2019-20 e 2020-21. Álvaro Montes Campos, Cristina Salgado Blanco, Lourdes Cobián Fernández, Lucía Pérez Blanco, Carlos Dopico Casal, Aldara Varela Lodeiro, María Castro Real, Cristina Domínguez Lenogue e Eduardo Búa Barbosa foron os estudantes recoñecidos con cadanseu diploma.

Ciclo de relatorios

Ao longo desta semana, desenvolveuse tamén a cuarta edición de ‘Tempo da Psicoloxía’, a iniciativa de debate e divulgación organizada pola Facultade de Psicoloxía da USC e polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Este ciclo contou con palestras sobre o coidado da saúde mental no ámbito comunitario, no da xente moza e tamén no laboral, abertas ao público xeral e que tamén se puideron seguir en liña. “Nos últimos tempos, estase a producir na sociedade unha gran toma de conciencia da importancia que ten a saúde mental dentro da nosa saúde e benestar pero, ao tempo, tamén son frecuentes as voces tanto profesionais como da cidadanía que sinalan a carestía de recursos profesionais nos servizos públicos para atendela. Por este motivo, desde a organización considerouse oportuno centrar esta edición nos coidados da saúde mental en contextos como o comunitario, o laboral ou nos educativos”, explicaron dende a organización do ciclo.

Cuestións como a prevención, a atención ás necesidades emocionais na adolescencia, a asistencia psicolóxica nos servizos sociais comunitarios, o coidado da saúde mental no traballo, a participación no mercado laboral das persoas con trastornos psicolóxicos ou a capacidade dos servizos públicos para atender as necesidades da saúde mental foron algunhas das cuestións tratadas. O luns 21 celebrouse a primeira das palestras co título ‘Para saírmos mellores: saúde mental na comunidade’, na que interviñeron Rosa Cerqueiro Landín, psicóloga clínica e voceira do Movemento Galego pola Saúde Mental; Tania Rodríguez Canitrot, psicóloga do Concello de Piñor (Ourense) e Marcos Lorenzo, xestor cultural e escritor, autor do libro Dous escritos sobre a felicidade. O debate estivo moderado pola xornalista Isabel Bravo.

O martes 22 foi a quenda da xente máis nova nunha palestra titulada ‘Fortalecendo os alicerces: saúde mental na infancia e a xente moza’, na que participaron Begoña Castro Iglesias, psicóloga e orientadora educativa; Mariano Carrero Moure, psicólogo clínico infanto-xuvenil, USM Hospital da Costa, Burela; Ana Fidalgo Clase, estudante do Grao de Psicoloxía da USC; Sara Purcell Sobrino, psicóloga da Unidade de Atención Psicolóxica da USC; e María Alzate Rodríguez, xefa de servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia da Consellería de Educación. A palestra estivo moderada pola tamén xornalista Selina Otero.

Na última das mesas redondas, o mércores 23, ‘Coidando a vida laboral: saúde mental no traballo’, abordouse o contexto do traballo nun debate moderado polo xornalista Julio Pérez. Nela participaron Carlos Montes Piñeiro, profesor de Psicoloxía Social da Facultade de Psicoloxía da USC; María Botana Rocamonde, asesora de PRL e RSE na Confederación de Empresarios da Coruña; Adrián Varela Pomar, técnico de Saúde Mental FEAFES Galicia; e Adela Quinzá-Torroja, directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.