Pasar al contenido principal

Enerwater recolleu o Premio Galicia Enerxía ao mellor proxecto de eficiencia enerxética

A profesora Almudena Hospido recolleu o premio a Enerwater
A profesora Almudena Hospido recolleu o premio a Enerwater

A profesora Almudena Hospido recolleu esta fin de semana o Premio Galicia Enerxía 2017 ao mellor proxecto de eficiencia enerxética que o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) lle deu a Enerwater, unha plataforma de colaboración financiada polo programa Horizonte 2020 para a eficiencia enerxética no sector do tratamento de augas residuais.

A profesora Hospido, integrante do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC, é a coordinadora do proxecto que involucra nove socios, entre universidades e empresas, de Alemaña, Italia, Reino Unido e España. Na gala de entrega, Hospido puxo en valor a plataforma, que cualificou de “ necesaria”. “Poder demostrar e auditar medidas de eficiencia enerxética deixou de ser só conveniente para converterse nunha obriga para unha gran parte das empresas de saneamento desde a entrada en vigor en 2016 do Real Decreto”.

As plantas de tratamento de augas residuais representan máis do 1% do consumo de electricidade en Europa, unha das maiores porcentaxes de uso de enerxía entre as industrias públicas. Estas cifras sinalan o punto de partida de Enerwater, que define ferramentas de medición que cuantifiquen o consumo enerxético destas plantas e elabora normas para comparar e, finalmente, optimizar o seu funcionamento.

As iniciativas a desenvolver entroncan coa actividade que desenvolve o grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química da USC en cuestións como a cuantificación e a redución das emisións directas e indirectas de gases de efectos invernadoiro en diversos sectores industriais.

Ademais do grupo da USC, o consorcio ENERWATER compóñeno a Asociación Española de Normalización-UNE, a empresa Welness Telecom, as universidades de Crandfield, Cologne e Marche, e as empresas de saneamento Aggerverband, ETRA e Espina y Delfín.

Representantes da USC e de Espina y delfín. de esquerda a dereita, Miguel Mauricio, Almudena Hospido, Rosa Blanca Rodríguez e Stefano Longo

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.04.2018.