Pasar al contenido principal

A exposición ‘Cosmoloxías’ inaugura este xoves o proxecto ArtLAB do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

A exposición ‘Cosmoloxías’ inaugura este xoves o proxecto ArtLAB do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
A exposición ‘Cosmoloxías’ inaugura este xoves o proxecto ArtLAB do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

A obra da artista plástica Irene Dubrovsky protagoniza a primeira actividade de ArtLAB, unha nova iniciativa interdisciplinar do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) cuxo obxectivo é unir arte e ciencia, indagar nas súas interseccións e tender pontes entre ambas, achegando a ciencia á sociedade desde un punto de vista diferente. A exposición ‘Cosmoloxías’ inaugúrase este xoves 28 ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca nun acto no que intervirá o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri.

‘Cosmoloxías’ componse dunha serie de obras cartográficas inspiradas no Universo da artista Irene Dubrovsky (Bos Aires, 1972) que evocan os mapas reais que tentan explicar a súa orixe mediante grandes pregos de papel entretecido e discos perforados.

A obra visual desta artista plástica arxentina residente en Cidade de México articúlase nunha poética da cartográfica onde conflúen a súa historia e herdanza migrantes, en obras minuciosas e sutís. Utiliza a xeometría como linguaxe primordial, estruturando as súas pinturas en grandes pregos de papel tecidos, pregados ou perforados en forma de discos, mapas e partituras. Traballa con espazos reticulares e redes curvas que aluden a espazos infinitos, propiciando un diálogo interdisciplinario que permita os entrecruzamentos de arte e ciencia.

Dubrovsky presentou o seu traballo en numerosas exhibicións, entre elas a Bienal da Habana (Cuba), coa exposición Cartografías Satelitales, así como na Bienal de Curitiba e a Bienal de Cuenca. A súa obra Mapas de la alteridad espúxose no Palacio Exipto de Lisboa e no Centro Pére Prune de Barcelona, ademais de no Instituto de Cultura de México en Viena e Madrid. Outras obras destacadas que itineraron por centros de arte internacionais foron Vuelo de Cronos (Museo Universitario del Chopo, México), Universos Progresivos (Galería Puerta Roja, Hong Kong) e World Maps (Galería Couturier, Los Ángeles). Na actualidade, desenvolve o proxecto Un espejo de agua para las estrellas para o xardín botánico de Oaxaca, en México.

Coloquio entre ciencia e arte Á mostra, que poderá visitarse ata o 15 de marzo, súmase un coloquio entre a artista e distintas personalidades do mundo da arte e a ciencia que acollerá o Centro ABANCA Obra Social o 6 de marzo ás 19:30 horas. Participarán o escritor Agustín Fernández Mallo, o físico e pintor David Crooks, a decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón, o físico José Edelstein e a cantante Uxía, e a moderadora do encontro, a xornalista Ainhoa Apestegui.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.02.2019.