A Unidade de Tabaquismo inicia un novo curso do seu programa para deixar de fumar
A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC desenvolve unha nova campaña dos seus tratamentos de apoio a persoas que desexan deixar de fumar. Son tratamentos en grupo e con carácter gratuíto. As persoas que desexen participar neles deberán contactar con esta Unidade de Facultade de Psicoloxía a través do teléfono 881 813 939 ou tamén a través da web www.usc.es/gl/servizos/tabaquismo.
Segundos os datos da Unidade, unha de catro persoas adulta fuma diariamente. Os responsables deste servizo sinalan cinco motivos para animar a unha persoa fumadora a abandonar este hábito: saúde, cartos, familiar e amizades, benestar psicolóxico e satisfacción e autocontrol. Respecto do primeiro, dende a Facultade de Psicoloxía lembran que en Galicia, cada mes morren 300 persoas prematuramente a causa de fumar cigarros e a cifra ascende a varios miles ao falar de enfermidades producidas directamente polo tabaco. En termos de aforro, un/ha fumador/a dun paquete diario pode chegar a aforrar en dez anos arredor de 15.000 euros deixando o tabaco.
No terreo psicolóxico, dende a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos sinalan que as persoas que deixan de fumar, ao contrario de que se podería pensar, melloran nos seus niveis de estres, ansiedade e estado de ánimo conforme pasa o tempo. Ademais, as persoas que se dan conta de que son “dependentes da nicotina que contén tabaco queren romper con esa especie de escravitude”, explica o director da Unidade, o profesor Elisardo Becoña. Cando as persoas conseguen o seu obxectivo “senten satisfacción consigo mesmas e saben que son donas dos seus actos e que a nicotina xa non lles obriga a fumar”. Como lembra o profesor Becoña, “o intento vale a pensa. Deixalo, moito más”.
Traxectoria da Unidade
A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Facultade de Psicoloxía da USC comezou a súa actividade en 1984 cando o profesor Elisardo Becoña comeza a tratar fumadores con distintas técnicas psicolóxicas. Así xurde o ‘Programa para deixar de fumar’, convertido xa nun referente nacional e internacional no tratamento psicolóxico cognitivo-condutual para deixar de fumar. Neste tres décadas, pasaron polo programa preto de 14.000 fumadores e tense ampliado o programa de intervención a outras adiccións.