A EPS de Enxeñaría desenvolve dispositivos tecnolóxicos para a xestión e control de vides e caldos no marco do proxecto Ecovine

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría favorece o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a investigación de calidade no ámbito da vitivinicultura a través do proxecto Ecovine, un programa da convocatoria Conecta Peme financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do Fondo FEDER 2014-2020.
Os resultados do proxecto Ecovine, no que participaron activamente desde 2016 os equipos de investigación da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo liderados polos profesores Javier J. Cancela e Xesús Pablo González en colaboración cun consorcio formado polas empresas tecnolóxicas Elmantec e Teican Medioambiental e dúas adegas, tales como o son Lar de Riocabo e Ponte da Boga, tradúcense no desenvolvemento de novos servizos e produtos, a priori acaídos para optimizar o cultivo e a produción vitivinícola.
O deseño dunha cámara multiespectral e do seu dron asociado, constitúe un dos avances tecnolóxicos máis visibles deste proxecto, ao tratarse dunha ferramenta que posibilita facer o seguimento da maduración dos viñedos e a evolución da súa composición aromática, entre outras aplicación que tamén poden resultar de utilidade noutros cultivos.
Os participantes no consorcio impulsor do proxecto Ecovine tamén desenvolveron no marco deste programa de innovación un sistema de axuda á decisión orientado a mellorar a optimizar a xestión integral do viñedo. Esta nova aplicación inclúe entre as súas prestacións o manexo da rega ou soporte para a vendima. A aplicación dunha rega 'limpa', empregando a enerxía solar para o seu funcionamento, supón outra das potenciais vantaxes deste novo dispositivo tecnolóxico.
Alén de mellorar, facilitar e, se cabe, optimizar a xestión de cultivos e a produción de caldos de calidade, estas actuacións resultantes do proxecto Ecovine favorecen tamén a comercialización dos produtos a outras adegas, ou empresas agrícolas, un proceso no que se está a traballar, para obter a forma de explotación máis axeitada.