Pasar al contenido principal

EIT Food Games ofrece esta semana no campus lugués talleres de emprendemento e información sobre bolsas e mobilidade

Cartaz de EIT Food Games
Cartaz de EIT Food Games
O evento desenvolverase o venres 14, a partir das 9.30 horas, no edificio Cactus de Lugo. A inscrición é gratuíta e permanece aberta en liña

O edificio Cactus do campus de Lugo acollerá o venres 14 de decembro, a partir das 9.30 horas, no edificio Cactus, a xornada EIT Food Games, un programa centrado na mellora da cadea alimentaria e orientado á participación de estudantes e investigadores en formación de calquera especialidade a fin de que obteñan información respecto a bolsas, programas de mobilidade e tamén sobre a adquisición de recursos para start ups que podan serlles de utilidade no seu futuro profesional.

As persoas que tomen parte nesta xornada, promovida por EIT Food en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia e a USC, terán a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia de persoas que xa lanzaron iniciativas emprendedoras de base tecnolóxica xurdidas no campus de Lugo, como é o caso dos promotores de TasteLab e Innolact. Ademais, a firma Angulas Aguinaga, orientada a achegar solucións a problemas actuais da industria agroalimentaria, e cuxos responsables guiarán un workshop no marco deste programa no que proporán aos participantes retos da industria alimentaria que requiren solucións innovadoras.

EIT Food é a Comunidade Europea de Coñecemento e Innovación dependente do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía creada para transformar o noso ecosistema alimentario. Ao conectar aos consumidores con empresas, start ups, investigadores e estudantes de toda Europa, EIT Food apoia iniciativas innovadoras e economicamente sustentables que melloran a nosa saúde, o noso acceso a alimentos de calidade e o noso medio ambiente.

As persoas interesadas en participar nesta xornada, cuxo programa está accesible na web do evento, poden formalizar a súa inscrición de balde en liña. Este evento antóllase asemade como unha boa oportunidade para intercambiar experiencias e coñecementos con outros estudantes e investigadores dos campus de Santiago da USC e tamén da UVigo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.12.2018.