Pasar al contenido principal

Tres científicas da USC liderarán proxectos JIN dirixidos a persoal investigador novel

De esquerda a dereita, Mar Quiñones, Maria João Matos e Letricia Barbosa-Pereira nun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Mar Quiñones, Maria João Matos e Letricia Barbosa-Pereira nun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Letricia Barbosa-Pereira, Maria João Correia Pinto Carvalho de Matos e Mar Quiñones coordinarán cadansúa investigación ao abeiro desta convocatoria de ‘Proxectos de I+D+i’ da Axencia Estatal de Investigación
Santiago de Compostela

Coa vontade de atraer e reter talento, os proxectos JIN da Axencia Estatal de Investigación acaban de beneficiar a tres científicas da USC. Letricia Barbosa-Pereira, Maria João Matos e Mar Quiñones foron recoñecidas ao abeiro desta convocatoria no marco do Programa Estatal de Xeración de Coñecemento e Fortalecemento Científico e Tecnolóxico do Sistema de I+D+i e do Programa Estatal de I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade, do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2017-2020. Estas axudas permiten que persoal investigador novel coordine proxectos de investigación.

A Investigadora Letricia Barbosa-Pereira da área de Nutrición e Bromatoloxía, iniciará unha nova liña de investigación de excelencia no ámbito da seguridade química alimentaria. O seu novo proxecto  BACFood4 Expo (PID2020-114569 RJ-I00) tratará de establecer novas ferramentas para a avaliación da exposición humana aos contaminantes químicos derivados dos materiais de contacto alimentario a través da dieta, as súas implicacións toxicolóxicas e riscos para a saúde dos consumidores. “Estas ferramentas permitirán avaliar dunha maneira máis exhaustiva a seguridade das substancias químicas que poidan migrar dos materiais aos alimentos”, matiza a investigadora.

Maria João Matos da área de Química Farmacéutica, traballará no desenvolvemento de fármacos innovadores enfocados a enfermidades  neurodexenerativas como a esclerose lateral amiotrófica (ELA). O seu novo proxecto  TagBrain (PID2020-116076 RJ-I00) tratará da administración selectiva de fármacos dirixida ao sistema nervioso central, un dos principais desafíos da súa área de traballo. “Existe un gran número de pacientes que padecen trastornos neurodexenerativos en todo o mundo e unha eficacia moi limitada do reducido arsenal de tratamentos dispoñibles”, explica a científica.

A investigadora Mar Quiñones da área de Fisioloxía, levará a cabo unha nova liña de investigación de excelencia no ámbito da obesidade e a diabetes, enfocada no estudo a nivel central, de mecanismos  homeostáticos e hedónicos mediados pola diana SIRT3. O proxecto OBESIRT3 (PID2020-114350 RJ-I00) “tratará de dilucidar no cerebro, novos circuítos moleculares relacionados co control da inxesta de alimentos e a recompensa alimentaria nas patoloxías da obesidade e a diabetes”, afirmou Quiñones.

As tres científicas son agora responsables de proxectos de investigación innovadores e punteiros en tres áreas chave na investigación que se desenvolve na Facultade de Farmacia, como é o caso dos traballos de Letricia Barbosa-Pereira e de Maria João Matos, así como no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) ao que pertence Mar Quiñones.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.05.2023.