Pasar al contenido principal

Descuberta a causa da formación dos cavernomas cerebrais

Os avances en investigación de cavernomas do Laboratorio de Bioloxía Vascular do CiMUS reciben financiamento de Sumo Valor, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC
Os avances en investigación de cavernomas do Laboratorio de Bioloxía Vascular do CiMUS reciben financiamento de Sumo Valor, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC
O proxecto dirixido polo investigador da USC Juan Zalvide e que conta co apoio de Sumo Valor apunta a que a falta das proteínas STK24 e STK25 atópase na orixe destas malformacións cun aspecto similar a covas ou cavernas
Santiago de Compostela

O proxecto ‘Identificación e testado de dianas para malformacións cerebrais vasculares’, dirixido polo investigador da USC Juan Zalvide, acaba de desvelar que a falta das proteínas STK24 e STK25 implica que as células dos vasos cerebrais dean lugar a cavernomas, malformacións cerebrais que deben o seu nome ao seu aspecto similar a covas ou cavernas.  O persoal investigador do Laboratorio de Bioloxía Vascular do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) profunda nestas malformacións dos vasos sanguíneos do cerebro que forman grandes espazos (cavernas) no canto de tubos, dentro do cranio e poden sangrar. “Fórmanse moitas veces porque falla un xene dos chamados CCM, pero non se sabe exactamente como ese defecto nun xene fai que se desenvolva a enfermidade”, apuntan dende o equipo investigador.

“O noso descubrimento mostra que as dúas proteínas STK24 e STK25 son importantes nese proceso, o que nos permite coñecer mellor que é o que falla nas células dos cavernomas e pode axudarnos a descubrir novos tratamentos para elas”, explica Juan Zalvide. “Ata a data desenvolvéronse varios modelos celulares que reproducen moitas das características das que forman esas malformacións; con todo, o seguinte paso relevante de fronte ao desenvolvemento de tratamentos farmacolóxicos é utilizar eses modelos para identificar moléculas específicas aos que estas células alteradas sexan máis sensibles que as células sas, para poder usar esas moléculas como fármacos”, engade.

Alternativa á neurocirurxía

A meta consiste en atopar moléculas que, no futuro, permitan desenvolver fármacos cos que tratar estas malformacións cerebrais, trastornos que ata a data só son abordables mediante neurocirurxía. Estas malformacións cavernosas cerebrais vasculares e evolutivas ocorren aproximadamente nunha de cada 200 persoas, caracterizadas por densos acios de capilares dilatados de forma irregular, que poden causar manifestacións neurolóxicas variables tales como convulsións, cefaleas non específicas, déficits neurolóxicos focais, outros trastornos transitorios ou progresivos e hemorraxias cerebrais.

Co aspecto dunha amora pequena, evolucionan e ocasionan problemas no cerebro e na medula espinal. Estas malformacións, cuxo tamaño pode variar dende dous milímetros ata varios centímetros de diámetro, poden ser hereditarias, o que se denomina cavernomatose familiar e é moito máis rara, pero na maioría dos casos as malformacións aparecen por si soas. Na actualidade, só poden corrixirse con cirurxía, que non é aplicable en todos os casos, e, neste sentido, o persoal investigador do CiMUS pretende avanzar noutras alternativas moito menos invasivas e con menor risco, como a terapia con fármacos.

Sumo Valor

Os avances en investigación de cavernomas do Laboratorio de Bioloxía Vascular do CiMUS reciben financiamento de Sumo Valor, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC. Este programa de mecenado implica a empresas, persoas e institucións nas actividades, proxectos e servizos cos que a USC demostra a súa permanente conexión coa sociedade.

Particulares ou empresas poden realizar achegas, que teñen dedución fiscal, contribuíndo a que proxectos de vital importancia polo seu potencial impacto na sociedade acaden os seus obxectivos. Este é o caso do estudo do CiMUS, claro exemplo da aposta da plataforma polo desenvolvemento da ciencia en campos como a biomedicina e a asistencia sanitaria. O estudo conta tamén co apoio da Xunta de Galicia e a Axencia Estatal de Investigación, ademais da asociación de pacientes de cavernomas STOP CAVERNOMAS.

O persoal investigador do Laboratorio de Bioloxía Vascular do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) profunda nestas malformacións dos vasos sanguíneos do cerebro
O persoal investigador do Laboratorio de Bioloxía Vascular do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) profunda nestas malformacións dos vasos sanguíneos do cerebro
Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.03.2022.