Pasar al contenido principal

A USC participa nos actos organizados este mércores na Praza de Abastos de Lugo co gallo do Día Internacional do Voluntariado

Cartaz do Día Internacional do Voluntariado
Cartaz do Día Internacional do Voluntariado
O programa deseñado pola Rede Lucense de Voluntariado co gallo desta efeméride comeza ás 17.00 horas e inclúe a lectura dun manifesto e entrega de premios

A USC, a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos, súmase este mércores aos actos organizados pola Rede Lucense de Voluntariado na Praza de Abastos co gallo da celebración do Día Internacional do Voluntariado.

As actividades programadas pola Rede Lucense de Voluntariado co gallo desta efeméride comezarán ás 17.00 horas na Praza de Abastos e no Mercado das Flores da capital luguesa, onde permanecerá instalado un espazo informativo sobre voluntariado ao longo de toda a tarde, ademais de promover diversas actividades orientadas a dar a coñecer a importancia e os cometidos da acción voluntaria a toda a cidadanía interesada.

O acto central da xornada desenvolverase a partir das 18.30 horas, cando está prevista a entrega dos Premios de Voluntariado, distincións coas que a Rede Lucense de Voluntariado quere recoñecer o compromiso individual e colectivo coa acción voluntaria. A esa mesma hora terá lugar a lectura do Manifesto do Día Internacional do Voluntariado cun chamamento para que sexa posible lograr unha sociedade inclusiva baseada na solidariedade e na participación activa da cidadanía.

A Rede Lucense de Voluntariado é un espazo de traballo en colaboración do que o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC forma parte xunto con outras catorce entidades: Aliad Ultreia, Auxilia Lugo, Asociación Xuvenil Ateibo, Aspnais, Cáritas Diocesana, Cogami Lugo, Capaces Lugo, Dignidade Lugo, Down Lugo, Fundación JuanSoñador, Fundación Secretariado Xitano, Raiolas Lugo, AECC e FAXPG.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.12.2018.