Un curso do Servizo de Relacións Exteriores forma a solicitantes de protección internacional para facilitar a súa integración
A Biblioteca Concepción Arenal da USC acolle ata o próximo 12 de marzo o Curso para solicitantes de protección internacional do Programa de Formación para a Integración, que organiza o Servizo de Relacións Exteriores da USC dentro do proxecto europeo UNINTEGRA. O vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez, foi o encargado de presentar esta primeira xornada, e salientou que a USC pretende con esta actividade “contribuír a que a integración e adaptación ao contorno dos solicitantes de protección internacional sexa o mellor posible”.
A técnico do Servizo de Relacións Exteriores Sonia Cordido Méndez, responsable da organización da formación e do proxecto UNINTEGRA, explicou os obxectivos principais do curso e do proxecto no que se enmarca, así como o desenvolvemento do programa para os vindeiros días. O programa está dividido en cinco bloques temáticos que abordan cuestións como normativa e procedementos de solicitude de protección internacional, recursos e axudas existentes, capacitación para o acceso ao emprego ou orientación lingüística e educativa. Esta mesma formación replicarase en Vigo a partir do 13 de marzo cos mesmos contidos e estrutura.
Trátase do segundo curso do proxecto UNINTEGRA que se imparte na USC, xa que en xullo do 2018 celebrouse unha formación dirixida a axentes sociais para a integración de persoas refuxiadas, na que participaron máis de 60 persoas, a maioría vencelladas a ONG ou con experiencia na atención de colectivos vulnerables. No mes de xuño está prevista a celebración dunha ‘Semana da Integración’ que contará, entre outras actividades, con talleres de sensibilización e a creación dun protocolo de acreditación de competencias profesionais.
UNINTEGRA
Co financiado polo Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da Comisión Europea, o proxecto UNITEGRA púxose en marcha a finais de 2017 coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC. O seu obxectivo é promover a xestión eficaz das poboacións inmigrantes e responder ás necesidades das persoas que necesitan protección.
O proxecto ten dúas dimensións: por unha banda, traballar directamente coa poboación recén chegada e responder a necesidades básicas de inclusión e, por outra, fomentar actitudes de recepción positivas nas comunidades de destino.