Pasar al contenido principal

Artistas plásticos lugueses súmanse ao proxecto ‘Minerais contra o Cancro’ coa doazón de 21 obras pictóricas

Obras pictóricas doadas á loita contra o cancro expostas no Vello Cárcere de Lugo
Obras pictóricas doadas á loita contra o cancro expostas no Vello Cárcere de Lugo
As creacións cedidas á iniciativa de ciencia social coordinada por Marta López Alonso permanecen expostas no Vello Cárcere ata o 31 de marzo. A recadación obtida pola súa venda irá para o proxecto de I+D de aberto ao micromecenado na web da FECYT
Lugo

Os artistas plásticos lugueses súmanse á loita contra o cancro e fan visible a súa implicación coa doazón de 21 obras pictóricas ao proxecto ‘Minerais contra o Cancro’, unha iniciativa de ciencia solidaria coordinada pola profesora na Facultade de Veterinaria da USC Marta López Alonso e promovida pola USC xunto co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) que está aberta ao micromecenado a través da web www.precipita.es da Federación Española de Ciencia y Tecnoloxía (Fecyt).

As creacións cedidas por esta ampla representación de artistas plásticos lugueses, entre os que figuran representantes de distintas xeracións, tales como Berio Molina, Boente, Bordell, Caxigueiro, Christian Villamide, García Gesto, Honorio, Iago Eireos, Isabel Somoza, Jorge Espiral, Lomarti, Luz Darriba, Macía, Mónica Alonso, Otero Yglesias, Peña Romay, Santiago Catalán, Sesé Santiso, Vicente Blanco, Xermán Refojo e Xoán Guerreiro, integran unha exposición colectiva que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 31 de marzo nunha das salas do Vello Cárcere de Lugo. O público que acuda a visitar a exposición poderá tamén mercar calquera das creacións expostas coa certeza de que a recadación obtida se destinará de xeito íntegro a financiar o proxecto de I+D ‘Minerais contra o Cancro’, centrado e pescudar a incidencia dos minerais nos pacientes oncolóxicos, segundo subliñou López Alonso.

A coordinadora desta iniciativa de ciencia solidaria salientou unha vez máis o seu agradecemento á sociedade luguesa polo seu respaldo ao proxecto ‘Minerais contra o Cancro’, un programa aberto ao micromecenado na web www.precipita.es da Federación Española de Ciencia y Tecnoloxía (FECYT) que xa recadou máis de 30.000 euros desde a súa presentación a mediados de xaneiro.

Á falta de pouco máis dunha semana para finalizar a campaña de micromecenado social apoiada pola FECYT, López Alonso agradece especialmente o novo impulso ao proxecto chegado desde o mundo da arte. “Trátase dun acto de grandiosa xenerosidade por parte dos artistas plásticos lugueses, que, sen excepción, decidiron sumarse á loita contra o cancro doando o seu ben máis prezado: as súas creacións”, dixo a coordinadora de ‘Minerais contra o Cancro” para, de seguido, engadir, que “esta nova achega garante que este proxecto pase de ser unha ilusión a converterse en realidade”.

A exposición pictórica aberta nas dependencias do Vello Cárcere ofrece ao visitante un extraordinario percorrido pola obra de varias xeracións de artistas, ao tempo que constata o seu fondo compromiso coa provincia e coas súas xentes. Confiada en que o

público poida gozar ao longo destas semanas desta creacións plásticas, López Alonso reiterou o seu agradecementos aos artistas que, coa súa xenerosidade, fixeron posible esta mosta. A coordinadora do proxecto ‘Minerais contra o Cancro’ estendeu tamén os seus parabéns á Area de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e ao persoal do Vello Cárcere polo apoio recibido para facer realidade esta mostra.

Alén das alusións explícitas ao sector artístico, López Alonso lembrou tamén a súa gratitude a todas as entidades implicadas no proxecto ‘Minerais contra co Cancro’, co que colaboraron desde as principais entidades deportivas da provincia, ata as asociacións contra o cancro, produtores, establecementos de restauración e do ámbito sanitario, ademais de diversas administracións e centenares de persoas anónimas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.03.2022.