Pasar al contenido principal

USC e Sergas afondan nos retos da profesión óptica-optometrista

De esquerda a dereita, Jorge Aboal, Antonio López e María Jesús Giráldez. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Jorge Aboal, Antonio López e María Jesús Giráldez. FOTO: Santi Alvite
O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, mantivo unha xuntanza co reitor Antonio López e coa decana María Jesús Giráldez, ademais de percorrer as instalacións do centro
Santiago de Compostela

O reitor Antonio López acompañou ao director xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, Jorge Aboal, no percorrido que este martes 8 realizou polas instalacións da Facultade de Óptica e Optometría da USC. A finalidade desta visita promovida pola decana do centro, María Jesús Giráldez, é que a administración autonómica coñeza de primeira man como se desenvolve a actividade docente na Facultade e moi especialmente en todo o relacionado co futuro exercicio profesional da figura de óptico/a-optometrista. “A principal cuestión é que non está creada esta categoría profesional no sistema público de saúde galego, algo que xa empeza a ser unha realidade noutras comunidades, e que non sucede con outras profesións sanitarias”, explicou a decana.

O grao en Óptica e Optometría da USC capacita para previr, detectar e solucionar problemas visuais. “Na nosa facultade traballamos para poder alcanzar os máximos estándares de calidade na formación dos e das futuras profesionais”, continúa a decana. “Formamos ópticos/as- optometristas que poñan ao dispor da sociedade o seu bo facer e os seus coñecementos, exercendo a profesión ao amparo e regulados pola lei de ordenación das profesións sanitarias; unha profesión sanitaria, regulada e independente da atención primaria da saúde visual”, engade. 

A visita abarcou a Clínica de Optometría da USC, o Servizo de Optometría localizado na Facultade que é fundamental para a adquisición das competencias propias da titulación de grao en Óptica e  Optometría. “A clínica encaixa no modelo establecido e que se segue para a docencia desta titulación en países onde a formación e a profesión están desenvoltas a un nivel moi alto como é o caso de Estados Unidos, Reino Unido ou Australia, axustándose ao modelo do Diploma Europeo”, continúa María Jesús Giráldez. 

Trátase dun centro autorizado polo Sergas, que ten a docencia como principal función xa que é o lugar onde o alumnado do grao desenvolve, durante ano e medio, a práctica clínica con pacientes reais, proporcionando atención optométrica coa supervisión de profesorado óptico optometrista colexiado. “Así, desta función docente, despréndese necesariamente a asistencial, prestando atención a aproximadamente 1000 persoas ao ano”, conclúe a decana. 

A visita abarcou a Clínica de Optometría da USC. FOTO: Santi Alvite
A visita abarcou a Clínica de Optometría da USC. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.03.2022.