Pasar al contenido principal

Amplíase ata o 19 de decembro o prazo de inscrición do programa Explorer para emprendedores da USC

Participantes da anterior edición durante a súa visita ás instalacións de Google en California
Participantes da anterior edición durante a súa visita ás instalacións de Google en California

O prazo de inscrición para participar no programa Explorer ‘Jóvenes con Ideas’ ampliarase ata o 19 de decembro. Esta é unha iniciativa aberta a persoas emprendedoras con idades entre 18 e 31 anos que poderán formalizar este trámite a través de Santander X. O programa impulsa o talento da mocidade e a xeración de proxectos innovadores nun entorno dixital, aberto e colaborativo e brindaralle formación e mentoring de forma gratuíta a persoas que queiran desenvolver as súas ideas de negocio. Explorer está promovido por Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinado polo CISE.

As persoas seleccionadas poderán beneficiarse do acceso aos Explorer Space da USC (Santiago e Lugo), dous centros de coworking de alto rendemento onde desenvolverán as súas ideas de forma colaborativa, conectarán con outros emprendedores e recibirán asesoramento personalizado e formación impartida por unha rede de mais de 200 expertos en innovación e modelos de negocio. Para esta nova convocatoria, o programa incorpora máis contidos dixitais, fortalecendo a formación cas últimas metodoloxías e reforzando a conexión entre mozos de diferentes Spaces.

Comunidade, impulso e financiación
Ao finalizar os cinco meses de formación e ideación, o proxecto mellor valorado de cada Explorer Space viaxará a Silicon Valley, xunto con outros 56 emprendedores de diferentes centros onde recibirán clases maxistrais en empresas tecnolóxicas, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Ademais, os tres mellores proxectos recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o seu desenvolvemento.

Grazas á colaboración coa Fundación EY, Explorer conta tamén co premio Woman Explorer Award, que ofrece 20.000 euros para financiar o mellor proxecto liderado por unha emprendedora e o premio de innovación Disruptive Technology Explorer Award –impulsado por INDRA-, que brindará 3.000 euros e asesoramento por parte de expertos de Indraventures ao proxecto de negocio más innovador.

Os centros Explorer da USC
Os Explorer Space da Universidade de Santiago de Compostela están localizados en Santiago de Compostela e Lugo e contan co apoio da Xunta de Galicia, en concreto da Secretaría Xeral de Emprego. O USC Santiago de Compostela Space atópase no Edificio Emprendia, proporcionado aos participantes un espazo coworking e ferramentas para a incubación e a formación, tanto presencial como virtual, asemade para o traballo colaborativo.

Pola súa banda, o USC Lugo Space está na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) que xa conta cun espazo coworking a disposición dos emprendedores. Ademais, os proxectos premiados neste centro contarán coa dispoñibilidade dun espazo de incubación para o seu proxecto na Fundación CEL, que colaboran activamente na difusión e desenvolvemento do programa entre o seu tecido empresarial.

As actividades destes Explorer Space intégranse no programa de emprendemento da USC que se xestiona dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE). Todos as persoas interesadas en desenvolver a súa idea de negocio e optar aos premios, deberán presentar a súa candidatura a través dun formulario dispoñible en www.santanderx.com. Para máis información poden contactar nos teléfonos: 881 815 594 (Santiago) e 982 822 854 (Lugo).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2018.