Pasar al contenido principal

O proxecto NeurocienciaTE súmase á Semana do Cerebro

O proxecto NeurocienciaTE xorde da inquietude dun grupo de estudantes de doutoramento, investigadores e profesores de secundaria e universidade que comparten unha visión similar sobre a comunicación científica no ámbito da  Neurociencia. FOTO: Santi Alvite
O proxecto NeurocienciaTE xorde da inquietude dun grupo de estudantes de doutoramento, investigadores e profesores de secundaria e universidade que comparten unha visión similar sobre a comunicación científica no ámbito da Neurociencia. FOTO: Santi Alvite
Os días 15 e 17 de marzo, Psicoloxía acolle unha serie de relatorios que se enmarcan dentro desta campaña global para fomentar e apoiar a ciencia do cerebro
Santiago de Compostela

NeurocienciaTE é un proxecto da USC que pretende dar a coñecer á sociedade a investigación en neurociencia que se realiza en centros de Galicia e de xeito moi especial entre o alumnado de ensino secundario. Baixo esta premisa e coa intención de celebrar a Semana do Cerebro, NeurocienciaTE impulsa na Facultade de Psicoloxía os días 15 e 17 de marzo, a partir das 17.00 horas, un programa de relatorios nos que se abordarán cuestións como os vínculos entre xenética, creatividade e intelixencia; alcol e cerebro adolescente; por que ruxen as tripas; ou as redes sociais como espazo de divulgación en Neurociencias.

A semana de concienciación do cerebro (Brain Awareness Week) é unha campaña global para fomentar e apoiar a ciencia do cerebro, auspiciada pola fundación DANA. Cada mes de marzo, realízanse moitas actividades en distintas partes do mundo, para compartir o coñecemento do cerebro e o impacto que o seu estudo ten na vida humana. Comezou a celebrarse en 1996 en Estados Unidos, pero evolucionou cara a unha iniciativa educativa global, incluíndo actualmente máis de 7.000 socios de 120 países.

Dende o proxecto NeurocienciaTE, dirixido pola profesora María Teresa Carrillo de la Peña,  preténdese transmitir coñecementos xerais sobre a  neurociencia, dende o nivel molecular ata a conduta e a  cognición; espertar o interese pola investigación en xeral, e pola  neurociencia en particular, entre adolescentes; e dar visibilidade ás saídas profesionais no ámbito da neurociencia, dende diversos itinerarios de formación e especialización. “Pretendemos visibilizar as liñas de investigación, os centros e empresas biotecnolóxicas que traballan no ámbito da  neurociencia en Galicia e difundir eventos relacionados coa  neurociencia, tal e como sucede coa Semana do Cerebro”, explicou a profesora Carrillo.

O proxecto NeurocienciaTE xorde da inquietude dun grupo de estudantes de doutoramento, investigadores e profesores de secundaria e universidade que comparten unha visión similar sobre a comunicación científica no ámbito da  Neurociencia. “Utilizando como referencia as liñas de investigación do Máster Interuniversitario de  Neurociencia, propoñemos unha serie de actividades que inclúen visitas a laboratorios ou centros de investigación, realización de presentacións en institutos, organización de eventos científicos, ou difusión de contidos a través de plataformas en liña”, engade a profesora. O proxecto está financiado pola  FECYT.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.03.2022.