Pasar al contenido principal

A exposición ‘Herbario de Rosalía’ conmemora o Día da Árbore da Poesía cunha mesa redonda

Extracto do cartel da mostra
Extracto do cartel da mostra
Esta mostra, comisariada por María López Sández, Fernando Cabo Aseguinolaza e Maria do Cebreiro Rábade Villar pode visitarse ata o 25 de marzo no Real Xardín Botánico

Dentro da exposición ‘Herbario de Rosalía. Nasín cando as prantas nasen’, comisariada por persoal investigador da USC, este luns 21 celébrase unha mesa redonda no Real Xardín Botánico coa que se conmemora o Día da Árbore e da Poesía. Presentada por Pura Fernández (CSIC), esta mesa analiza a presenza do temas relacionados coa natureza en escritoras galegas do século XIX. Intervirán Catherine Davis, Solange Hibbs e María López Sández. As intervencións centraranse, respectivamente, nas obras de Gertrudis Gómez de Avellaneda, Rosario Acuña e Rosalía de Castro. No acto, Anxo Angueira, presidente da Casa Museo Rosalía de Castro, procederá á doazón ao Real Jardín Botánico dunha filla da figueira de Rosalía, que permanecerá albergada no RJB acompañada dunha placa conmemorativa. Pecha o acto o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García Gómez.

“Din que non falan as plantas (...) pero non é certo, pois sempre cando eu paso, de min murmuran e exclaman...”. Estas verbas son tan só nun exemplo da “fascinación” que Rosalía de Castro sentía pola natureza. Así o constataron as investigadoras da USC María López Sández, Fernando Cabo Aseguinolaza e Maria do Cebreiro Rábade Villar no seu estudo da obra da escritora galega que permitiu organizar o denominado Herbario de Rosalía, obra da propia López Sández e da tamén profesora da USC, María Isabel Fraga Vila, xunto co tratamento fotográfico de Miguel Fraga Vila.

Unha significativa mostra desta obra integrada por 150 pregos pode ata o 25 de marzo no Real Xardín Botánico (RJB-CSIC) de Madrid. Coa exposición ‘Herbario Rosalía de Castro. Nasín cando as prantas nasen’, preténdese “render tributo á creadora literaria que nos ensinou a mirar a paisaxe doutro xeito”, explican López Sández, Cabo Aseguinolaza e Rábade Villar, comisarios/as da mostra.

A mostra atópase estruturada en cinco seccións: rosas, herbiñas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Todas elas van acompañadas de paneis explicativos que relacionan cada sección coa obra de Rosalía de Castro e o nexo que hai entre natureza e literatura. Ademais, unha proxección audiovisual permitirá ver o herbario na súa totalidade. A mostra tamén alberga obxectos cedidos pola casa Museo Rosalía de Castro como primeiras edicións dos libros da poeta ou o debuxo dunha paisaxe realizada polo seu fillo, o pintor Ovidio Murguía de Castro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.03.2022.