Pasar al contenido principal

O proxecto AERoGELS, proposto pola USC á convocatoria COST, impulsará unha rede internacional en enxeñaría de aeroxeis con aplicacións biomédicas e medioambientais

Carlos A. García González é investigador Ramón y Cajal do grupo I+D Farma
Carlos A. García González é investigador Ramón y Cajal do grupo I+D Farma

O investigador do grupo I+D Farma Carlos A. García González lidera un proxecto de rede europea de universidades e empresas para a innovación na enxeñaría de aeroxeis con aplicacións biomédicas e medioambientais que acaba de ser recoñecido pola convocatoria COST (Cooperación Europea no ámbito da Investigación Científica e Técnica) no apartado de Enxeñaría de Materiais e Procesos Químicos. Coa denominación AERoGELS (Advanced Engineering and Research of aeroGels for Environment and Life Sciences), esta acción contará con financiamento dos fondos do Programa Horizonte2020 da Unión Europea e constitúeno unha rede de 49 prestixiosas institucións de 21 países dos eidos científico, tecnolóxico e comercial.

O obxectivo de AERoGELS será facilitar o desenvolvemento de produtos baseados en aeroxeis no ámbito biomédico e medio ambiental mediante o intercambio de ideas, coñecemento e resultados nunha rede multidisciplinar e multisectorial e a promoción da formación e mobilidade de investigadores europeos novos. Os aeroxeis son materiais porosos nanoestruturados formados por un 99% de aire e apenas un 1% de material sólido. O investigador do grupo I+D Farma da USC explica que son materiais que se veñen utilizando en produtos de alto valor engadido na industria aeroespacial ou téxtil, pero que o seu emprego para aplicacións biomédicas e medioambientais aínda non está suficientemente desenvolvidas a pesar das súas claras vantaxes.

O proxecto terá unha duración de catro anos e é a primeira vez que unha proposta dunha universidades galega lidera unha axuda COST no ámbito de Enxeñaría de Materiais e Procesos Químicos. Como lembra o investigador Carlos A. García González, estas son axudas altamente competitivas, “cunha taxa de concesión dun 5% sobre todos os proxectos presentados”. Na súa opinión, a concesión desta iniciativa europea “fomentará o posicionamento da USC no eido dos materiais avanzados”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.12.2018.