Pasar al contenido principal

Un seminario afondará na presión da cronicidade sobre o sistema de saúde

O evento diríxese a estudantes de Medicina e Enfermaría. FOTO: Santi Alvite
O evento diríxese a estudantes de Medicina e Enfermaría. FOTO: Santi Alvite
A Facultade de Medicina e Odontoloxía acolle este foro que se desenvolverá o 4 de abril e que poderá seguirse en liña a través da Canle de YouTube da Cátedra de Cronicidade da USC

A quinta edición do Seminario da Cátedra de Cronicidade para estudantes de Medicina e Enfermaría: Cronicón desenvolverase o vindeiro 4 de abril. O evento, que cada ano conta coa presencia de profesionais da xestión, a atención e a administración sanitarias comezará ás 16.00 horas no Aulario do centro. 

“Se antes da pandemia as enfermidades crónicas xa representaban o 90 % da mortalidade en España e o 70 % do gasto sanitario, é fácil imaxinar que nos próximos anos a presión da cronicidade sobre o sistema de saúde será o principal reto clínico e de xestión”, apuntan dende a organización do evento. Que é o que se pode facer para manexar esta situación será o eixo do dialogo deste seminario cuxa clase maxistral correrá a cargo do profesor Rafael Bengoa, director de SÍ-HEALTH e asesor técnico da Cátedra.

O evento contará tamén coas intervencións de Antonio Pose e Montse Sánchez-Agustino, director e subdirectora da Cátedra de Cronicidade. A asistencia presencial está limitada ao estudantado de Medicina, pero o evento poderá seguirse en liña a través da web e da canle de YouTube da Cátedra de Cronicidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.03.2022.