Óptica e optometría impulsa cribados visuais en centros educativos para fomentar a inclusión social
‘O cribado visual na contorna educativa para unha maior inclusión social’ é un proxecto de aprendizaxe-servizo que desenvolve a Facultade de Óptica e Optometría da USC coa vontade de levar aos centros educativos de infantil e primaria, a atención optico-optométrica a nivel de cribado. Deste xeito, o alumnado do grao, futuros profesionais sanitarios no nivel da atención primaria, así como o estudantado do mestrado, xa profesionais ópticos optometristas, poden desenvolver habilidades e destrezas no trato con nenos e nenas de diferentes idades e con necesidades especiais.
“Na idade escolar, os problemas visuais son frecuentes e faise precisa a detección temperá dos mesmos xa que, de non tratalos, poden levar a anomalías visuais dificilmente reversibles co paso do tempo”, explica a decana do centro María Jesús Giráldez. A presenza de alteracións visuais poden igualmente afectar o proceso de aprendizaxe, especialmente en casos con necesidades especiais, “nos que incluso poden condicionar o seu comportamento”, matiza. Neste senso, ademais de detectar posibles anomalías ou previr alteracións, o proxecto permite concienciar os nenos/as e os seus proxenitores da importancia deste tipo de avaliación visual.
Screening visual en Ribeira
No desenvolvemento deste proxecto e dentro das activades relativas ás materias de prácticas clínicas impartidas no Servicio de Optometría da USC, o alumando do terceiro e cuarto curso do grao en Óptica e Optometría, así como estudantado do Mestrado en Optometría, levaron a cabo o pasado mes de marzo un screening visual pediátrico de atención primaria visual no CEIP Plurilingüe de Palmeira en Ribeira.
Un total de 52 alumnos e alumnas xunto con dous docentes ópticos-optometristas colexiados revisaron ao longo de cinco mañas a un total de 161 nenos e nenas de entre 3 e 9 anos. “Estes screening visuais teñen un gran valor a nivel docente xa que o alumnado implícase na propia revisión dos nenos e nenas, desenvolvendo numerosas competencias e coñecementos aprendidos durante a súa formación”, explicou a decana. Dos 161 nenos, un total de 15 non pasaron os criterios de corte establecidos pola ciencia como mínimos para un correcto desenvolvemento visual, poñendo de manifesto que as competencias profesionais da optometría e a óptica que se desenvolven resultan cruciais e evidencian o importante papel destes profesionais da visión na atención primaria da poboación.
“Unha das principais causas de fracaso escolar radica en non ter un sistema visual efectivo, san ou equilibrado, impedindo a correcta xestión da información que o neno ou nena recibe durante a súa educación”, engade a profesora Giráldez. “En moitos casos isto ocorre porque non se fan as revisión recomendadas ou necesarias ante a falta de queixas por parte do neno; unha revisión regular por profesionais cualificados pode abordar estes problemas antes de que se volvan demasiado graves no desenvolvemento social, educativo ou incluso persoal”, matiza.
Necesidades especiais
Todas as habilidades necesarias para o desenvolvemento do proxecto están relacionadas coa adquisición de competencias clínicas ao aplicar procedementos clínicos da óptica-optometría a nenos de diferentes idades e con necesidades diversas. “Trátase dunha iniciativa de innovación docente que permitirá a adquisición de competencias profesionais e transversais dos estudantes, nunha contorna específica”, explica a decana. Ademais, estanse a desenvolver protocolos para a atención a persoas con Trastorno do Espectro Autista e Síndrome de Down, “comezando xa a recibir os pacientes na Clínica de optometría, onde son atendidos por estudantes de mestrado, sempre coa supervisión de profesorado óptico-optometrista”, explica.
Os estudos indican que os defectos de refracción afectan ao 20% dos nenos e nenas en idade preescolar e escolar, e que só 3 de cada 10 nenos de menos de 7 anos acudiron algunha vez para unha exame visual. Isto, e o feito de que moitos casos poden pasar desapercibidos para persoas do entorno, xustifica a importancia do cribado visual ao longo do período escolar, que mediante a aplicación de protocolos validados para tal fin, “permiten mellorar a visión e, en definitiva, a vida, e pode que o futuro, do neno ou nena”, conclúe Giráldez.