Pasar al contenido principal

Alumnado da USC vence na I Moot Court da Asociación Española para o Estudo do Dereito Europeo

Foto de familia do alumnado vencedor. FOTO: https://www.poderjudicial.es
Foto de familia do alumnado vencedor. FOTO: https://www.poderjudicial.es
Esta competición persegue fomentar o interese polo mundo do Dereito da UE entre o estudantado universitario
Santiago de Compostela

O equipo de alumnado da Facultade de Dereito da USC composto por Andrés Vázquez, Irene Fraga, Carmen Castrillo e Eva Carollo, coordinados polo profesor da área de Dereito Internacional Público, Daniel Neira, obtivo o primeiro posto na I Moot Court da Asociación Española para o Estudo do Dereito Europeo (AEDEUR), celebrada en Madrid, na sede do Tribunal Supremo. Nesta iniciativa interviñeron 19 equipos de 15 universidades españolas que participaron nunha ducia de vistas que se desenvolveron no Consello Xeral da Avogacía Española e no Salón de Plenos do Tribunal Supremo.

“Foi moi estimulante observar o excelente nivel de coñecementos que teñen os nosos xuristas máis novos do Dereito da Unión. E tamén o foi para eles, vivindo unha experiencia inesquecible”, apuntaron dende a organización do evento. Á fase final da competición, que persegue fomentar o interese polo mundo do Dereito da Unión Europea entre o alumnado universitario, chegaron os equipos das Universidades de Santiago de Compostela e Complutense de Madrid, que defenderon as posturas do demandante e do demandado ante un tribunal presidido polo presidente da Sala Terceira do Tribunal Supremo, César  Tolosa, e integrado ademais polos maxistrados desa mesma sala Pilar Teso e  Dimitry Berberoff, pola catedrática de Dereito Internacional Público Concepción Escobar Hernández e polo ex xuíz do Tribunal Xeral da Unión Europea Rafael García- Valdecasas.

Logo da exposición do caso e a posterior deliberación, o tribunal declarou gañador ao equipo da USC. Esta iniciativa conta coa colaboración do Consello Xeral do Poder Xudicial, Consello Xeral da Avogacía Española e as firmas de avogados Uría Menéndez e Garrigues.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.04.2022.