Pasar al contenido principal

Exposicións, teatro e recitais para conmemorar a Semana de Filoloxía

No marco desta iniciativa, celébrase o Día do Libro que ten lugar este sábado 23 e que o centro conmemora na semana vindeira. FOTO: Santi Alvite
No marco desta iniciativa, celébrase o Día do Libro que ten lugar este sábado 23 e que o centro conmemora na semana vindeira. FOTO: Santi Alvite
Do 26 ao 29 de abril, esta Facultade da USC presentará os froitos de diversos proxectos participativos, ademais de celebrar o Día do Libro
Santiago de Compostela

A Semana de Filoloxía desenvolverase do 26 ao 29 de abril a través dun diverso programa de actividades que servirá para presentar distintos proxectos participativos impulsados dende esta Facultade da USC. Ademais, no marco desta iniciativa, celébrase o Día do Libro que ten lugar este sábado 23 e que o centro conmemora na semana vindeira.  

Deste xeito, na Sala de Lectura da biblioteca poderá verse unha exposición dedicada á revista Serra d’Or, doazón da Área de Filoloxía Catalá. Esta mostra súmase á inaugurada esta semana baixo o título ‘Marginais uma vírgula. Os Malditos sem vírgula Pingentes!’, dotada con 24 gravados que homenaxean un conxunto de escritoras e escritores brasileiros, portugueses e galegos que “foron e aínda son, nunha gran medida, considerados marxinados ou malditos”, tal e como explicou o creador da mostra Francisco Rogido Fins.

Ademais a Facultade renderá tributo aos escritores Joan Fuster e Gabriel Ferrater. “Poderemos desfrutar dunha mostra dalgunhas obras de Joan Fuster, ensaísta e poeta, do que se celebra o centenario no ano 2022”, explicou a vicedecana do centro Alejandra Ulla. “Tamén se recordará o poeta Gabriel Ferrater, xa que o seu poema ‘Si puc’ foi escollido pola Institución das Letras Catalás para celebrar o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía 2022”, engade. Por último, ofrecerase unha pequena mostra de libros da cultura gastronómica catalá pertencentes á BUSC e á Área de Filoloxía Catalá.

O mércores 27 a Facultade conmemorará o Día do Libro coa lectura continuada de textos literarios por parte do alumnado e profesorado da Facultade, entre as 10.00 e as 15.00 horas. Xa en quenda de tarde, presentaranse dous dos proxectos participativos que se levaron a cabo durante o curso académico e que contaron coa intervención de alumnado e profesorado: o Club de Lectura e a Revista Fósforo.

Na mañá do día 28, “agasallaremos a comunidade cun exemplar do libro De pedra a azulexo, que recolle as obras premiadas no VI e VII Concurso Literario Mazarelos dos anos 2020 e 2021”, continúa a vicedecana. En quenda de tarde, representaranse obras teatrais dos dous grupos da Facultade (Miserables e Cras), de novo froito dos proxectos participativos levados a cabo no presente curso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.04.2022.