Pasar al contenido principal

Vodas de prata das Xornadas de Enfermaría de Lugo

Participantes nas XXV Xornadas de Enfermaría de Lugo
Participantes nas XXV Xornadas de Enfermaría de Lugo
A pandemia derivada da COVID-19 e o intercambio das experiencias profesionias vividas tanto en España como noutros países estranxeiros, centra a temática dun dos foros sobre Enfermaría con maior tradición do Estado que reúne no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) máis de 250 estudantes e profesionais
Lugo

A Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo celebra este xoves no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Agusti, a vixésima quinta edición das xornadas de enfermería, un programa de relatorios e divulgacións científicas que se desenvolven ao longo de toda a xornada  en quenda de mañá e tarde baixo o título ‘Cadernos dunha pandemia’.

A conmemoración dunha efeméride como as vodas de prata constata a fonda pegada da Escola Universitaria de Enfermaría en Lugo e a longa tradición dunhas xornadas orientadas a introducir ao alumnado na actividade profesional e tamén no ámbito científico que se atopan entre as nove Xornadas de Enfermaría máis antigas do Estado español. De feito, o centro universitario lugués organiza estes encontros divulgativos de xeito ininterrompido, agás nos anos da pandemia (2020-21), desde 1996, segundo indicou a directora do centro universitario lugués, Pilar Penela, na apertura dun foro que reúne no Hospital Universitario Lucus Augusti máis de 250 estudantes e profesionais.

O xerente do HULA, Ramón Ares; a xefa do Servizo de Integración Asistencial Conselleria de Sanidade, Blanca Cimadevila; a directora de Enfermaría da Área Sanitaria Lugo, A Mariña e Monforte; María Jesús Pérez Taboada, e a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello, tamén participaron na sesión inaugural dun programa que ten como obxectivo a convivencia de alumnado e profesionais da enfermaría, a fin de que compartan experiencias, interactúen e intercambien pareceres.

A temática das XXV Xornadas de Enfermaría de Lugo xira arredor da pandemia derivada da COVID-19 e o seu programa achega, a través de diversos relatorios, vivencias e visións desde o plano profesional de diferentes servizos do Hospital Lucus Augusti (UCI, Urxencias, Unidade de Infecciosos) e tamén aproxima ao auditorio ás situacións vividas en países como Alemaña, Reino Unido, Francia, Portugal ou México mediante conexións telemáticas.

O xefe de Servizo da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, o enfermeiro Francisco Jesús Represas, abriu a quenda de relatorios cunha intervención baixo o título ‘A enfermaría no desenvolvemento do novo modelo de atención primaria en Galicia’. Na súa charla, Represas Carrera puxo en valor diferentes iniciativas que afectan directamente ao colectivo de enfermería, como son as axendas de calidade, protocolos de enfermaría avanzada ou a incorporación na historia clínica electrónica de plans de coidados individualizados para cada paciente.

O relatorio ‘Xestión hospitalaria de pacientes Covid de alto risco Telea’, a cargo de Rosa Blanco López, serviu de presentación neste foro do labor de enfermería desenvolvido desde a plataforma galega de teleasistencia domiciliaria (TELEA), premiada pola Comisión Europea como modelo para o seguimento de pacientes Covid na área Sanitaria de Lugo. Do mesmo xeito, Verónica Civeira Pérez deu conta na charla titulada ‘A enfermaría de atención primaria como líder da educación sanitaria nas escolas: heroes contra o coronavirus’, do traballo feito polo Grupo de Educación para a Saúde da Área Sanitaria de Ourense, unha iniciativa que tamén foi premiada por contribuír a mellorar os resultados en saúde e por empoderar aos nenos no auto coidado e capacitalos para actuar ante unha emerxencia.

Alumnado

O alumnado do Campus de Lugo tamén foi protagonista nas vodas de prata destas xornadas de enfermería, nas que, coordinados polo profesor Isidoro Rodríguez, presentaron unha análise histórica e fenomenolóxica sobre a evolución deste evento, un traballo desenvolvido baixo o título ‘As XXV Xornadas da Escola de Enfermaría: Historia, evolución, transcendencia’. Ao seu remate, a concelleira no Concello de Lugo e docente do centro universitario lugués Olga López Racamonde moderou a presentación dos TFGs elaborados polas enfermeiras tituladas en escola universitaria do campus de Lugo Iria Acal Carballeira, Premio Extraordinario Fin de Carreira na USC; Leticia Colinas Castro e Cristina Paz López.

Inauguración das XXV Xornadas de Enfermaría no Hospital Universitario Lucus Augusti
Inauguración das XXV Xornadas de Enfermaría no Hospital Universitario Lucus Augusti
Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.04.2022.