Publicados os ‘Diálogos de Luciano’ pasados ao latín por Tomás Moro
Erasmo de Rotterdam e Tomás Moro publicaron unha versión latina de obras de Luciano, autor grego do século II d. C. Un exemplar do volume, publicado en 1521, consérvase no fondo antigo da Biblioteca Xeral. A profesora Concepcion Virtudes Cabrillana Leal, catedrática de Filoloxía Latina da USC, publica agora a tradución dos tratados pasados ao latín por Tomás Moro.
O texto consta de varios Diálogos e unha peza retórica, O tiranicida, á que Moro engade a súa propia resposta. Nela revela parte do seu pensamento inicial, que desenvolverá máis tarde nas súas principais obras. A súa tradución e a súa resposta permaneceran inéditas en castelán.
“Luciano, escéptico, bromista e irónico, escribiu diálogos e historias moi entretidas”, explica a profesora Cabrillana. Por ese motivo elíxeno Erasmo e Moro para realizar as súas versións latinas. “A Moro atráelle ademais o seu modo de ensinar e divertir a través da literatura, e o seu dominio da argumentación”, engade. O texto contén unha carta de Moro ao secretario do rei, os diálogos Cínico, Menipo, O amante da mentira, O tiranicida e a resposta de Moro a esta última obra.