Isabel Rey ofrece en Fonseca unha visión ‘diferente’ de Compostela

O Colexio de Fonseca albergará desde este xoves 15 a exposición ‘Santiago Pintado’, unha mostra pictórica con obras de gran formato realizados pola artista compostelá Isabel Rey. A inauguración terá lugar ás 20.00 horas nun acto no que participarán, ademais da artista, a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez, e os historiadores que colaboran no proxecto Juan Coira, Natalia Conde e Carlos Galbán.
A mostra pretende contaxiar o pracer de debuxar do natural. Os cadros e bocetos serven de escusa pois, tomando a cidade de Santiago como eixo temático, téntase reflectir, a través dos seus edificios, unha visión diferente das xa manidas fotos dos soportais e a pedra mollada. A intención é ofrecer un novo enfoque que resalte lugares que normalmente pasan desapercibidos, devolvéndolles o seu protagonismo perdido.
‘Santiago pintado’ busca tamén abrir o apetito polo coñecemento da historia de Compostela: asomarnos ás anécdotas para gozar de moitas das historias que os propios santiagueses as veces non sabemos, descubrindo o que se atopa tras os nosos edificios centenarios.
A exposición complétase coa organización de visitas guiadas e unidades didácticas para os centros educativos, que se realizan en colaboración co Departamento de Educación e cidadanía do Concello de Santiago. Ademais, a través do blog https://santiagopintado2018.blogspot.com.es/ ofreceranse contidos complementarios sobre os espazos retratados, con distintos puntos de análise coma o histórico, o artístico ou o estético.