Pasar al contenido principal

‘Grândola, Vila Morena’ volverá soar na USC cincuenta anos despois

Mural en homenaxe a Zeca Afonso e a Benedicto García Villar. FOTO: Santi Alvite
Mural en homenaxe a Zeca Afonso e a Benedicto García Villar. FOTO: Santi Alvite
Filoloxía acolle o martes 10 de maio un acto en homenaxe ao cantautor Zeca Afonso, quen interpretou na Compostela de 1972 e por primeira vez en público, o tema que acabaría por converterse no himno da revolución portuguesa
Santiago de Compostela

O 10 de maio de 1972 no pavillón do comedor do complexo do Burgo, un grupo de estudantes da USC organizou o concerto no que o cantautor portugués Zeca Afonso interpretou, por primeira vez en público, a canción ‘Grândola, Vila Morena’, emblema da revolución que puxo fin á ditadura portuguesa. Cincuenta anos despois, os acordes deste tema volverán soar na USC grazas ao acto conmemorativo que o vindeiro martes 10 de maio acollerá o Auditorio da Facultade de Filoloxía a partir das 19.00 horas.

O reitor da USC, Antonio López; o decano da Facultade de Filoloxía, Elias J. Feijó Torres; e a cantante Uxía Senlle mantiveron este mércores 4 un encontro con medios de comunicación no que deron conta do programa deste evento co que se pretende conmemorar esta efeméride. ‘Grândola, Vila Morena’ foi “o elemento detonante da revolución en Portugal”, sinalou o reitor. Coa vontade de “rememorar” ese fito histórico, así como o concerto celebrado en Compostela dous anos antes, o evento servirá tamén para “poñer en valor o peso do movemento estudantil en Compostela naquel momento”.

Nesta mesma liña, pronunciouse o decano de Filoloxía ao definir o acto que leva por título ‘Zeca. Maior que o pensamento’, como un exercicio de “gratitude da Universidade ás persoas que dedicaron o seu tempo e entusiasmo para combater o franquismo, tamén de maneira cultural artística e lúdica”. Pola súa parte, a cantante Uxía Senlle definiu o evento como “un acto de amor á obra e á figura do Zeca”.

Maite Angulo Carballal, viúva do cantante Benedicto García Villar, quen convenceu a Zeca Afonso para dar en Compostela o mítico concerto de 1972 e no que ademais o acompañou, tamén estivo presente no encontro cos medios. Angulo Carballal definiu o artista portugués como "un home comprometido", de gran "bondade" e "voz prodixiosa". Maite Angulo formou parte do grupo de estudantes promotor do histórico concerto e lembra o intre no que soou ‘Grândola, Vila Morena’ como "moi emotivo". Zeca Afonso "non sabía como resultaba en público" a canción, continúa Maite Angulo, e ao interpretar o tema ante o estudantado compostelá deuse conta de que "aquelo tiña forza, sentido".

Programa

O acto botará a andar cun coloquio no que intervirán Zélia Afonso, viúva de Zeca Afonso; a propia Maite Angulo Carballal; Francisco Fanhais, presidente da Associação José Afonso; e o ex presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, a persoa encargada de presentar o recital do 72. O xornalista Suso Iglesias será o encargado de conducir o coloquio.

A intervención de dúas estudantes actuais da USC, Claudia Pernas e Iria Nande, servirá de preámbulo ao concerto no que actuarán a propia Uxía Senlle, João Afonso —sobriño de Zeca Afonso—, Couple Coffee, Nacho·Faia·Lar e Xico de Carinho. O acto estará conducido polo actor Carlos Blanco. A entrada é libre ata completar a capacidade do espazo.

De esquerda a dereita, Antonio López, Uxía Senlle e Elias J. Feijó. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Antonio López, Uxía Senlle e Elias J. Feijó. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.05.2022.